-
-
-
Espazos Sonoros 2010 » Presentación » ¿Qué é Espazos Sonoros?
Unha homenaxe aos nosos públicos...

Espazos Sonoros volve unha edición máis cunha programación que sintetiza como nunca a valorización do patrimonio histórico, a través da súa difusión e coñecemento, e a promoción da música por medio dunha ampla programación en diferentes espazos de interese cultural.

Cun perfil inconfundible, Espazos Sonoros mantense fiel á súa esencia, cunha programación aberta onde teñen presenza algunhas das máis interesantes formacións musicais galegas xunto a artistas convidados de relevo internacional. Unha programación orientada a todos os públicos e idades que xerará novamente un orixinal punto de encontro coa música e a arquitectura, ao tempo que achegará as programacións aos espazos máis periféricos da nosa xeografía.

Novos espazos do patrimonio histórico por descubrir ou redescubrir, e a aposta pola recuperación do noso patrimonio musical, especificamente do noso patrimonio organístico, así como pola eliminación de barreiras entre estilos musicais, nun intento por achegarse a un público amplo, seguen a ser ingredientes básicos deste proxecto.

A programación, nesta edición, intenta ademais render unha homenaxe ao seu público, un público heteroxéneo e fiel que ano tras ano foi contribuíndo tamén a definir este ciclo co seu perfil característico.

Para iso amplíanse as actividades nas que o público terá un especial protagonismo: obradoiros; unha camiñada a través dos camiños de Santiago, como non podía ser menos neste Xacobeo 2010; unha conferencia, que inclúe visita guiada polo interior do órgano de Iria Flavia, e un novo formato de concerto-entrevista no que poderemos coñecer moi de cerca primeiras figuras tanto da música clásica coma doutras músicas.

En definitiva, un ano máis, Espazos Sonoros proponse sorprender a toda a súa audiencia cunha programación cargada de contidos moi variados en espazos do noso patrimonio histórico, que se converterán, novamente, en escenarios de excepción.

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo
-
-
-
-
-
-
-
-
-
-
-