Saltar a: Menu Primario | Contenido | Pie

Espazos Sonoros - Ciclos de Organo, musica vocal, camara, musica antiga e outros sons

Presentación

Espazos Sonoros é unha iniciativa da Consellería de Cultura e Deporte.

As interferencias entre os sons e a arquitectura ocuparon sempre un lugar preferente na imaxinación do home. A idea da xeometría, das proporcións, das relacións numéricas, da repetición de elementos e secuencias están tan presentes na arquitectura como na música ao longo da Historia.

 

A música e a arquitectura son artes que permiten crear espazos, reais ou imaxinarios nos que o home pode desenvolver a súa existencia. Se importante é a música tamén o é o espazo que a reviste o que nos devolve os sons transformados a través das arestas das bóvedas, do tacto da pedra e da madeira das vigas e da historia dos lenzos. Nesta idea da conexión entre a música e as arquitecturas, o ciclo, baixo o nome de Espazos Sonoros, nace coa intención de vencellar dous aspectos fundamentais. Por unha parte, a creación dunha marca para a presentación de programacións estables de música clásica e outros estilos de música contemporánea e experimental. Por outra, a posta en valor dunha parte do noso patrimonio histórico, mediante a celebración destes concertos en espazos de interese desde o punto de vista arquitectónico, artístico ou cultural.

 

Ao tempo, os ciclos pretenden servir de pulo para dar a coñecer outros dous importantes eidos do noso patrimonio, o organístico, para o que practicamente non existen programacións, e o patrimonio musical, mediante a súa recuperación. Nesta primeira edición de Espazos Sonoros temos unha boa mostra deste esforzo nos programas de concerto das formacións vocais E. Ultreia ou da Capela Madrigalista de Ourense.

 

Espazos Sonoros engloba cinco ámbitos temáticos adicados respectivamente á música de órgano, música vocal, música antiga, música de cámara e un quinto ciclo titulado outros sons, adicado a repasar algunhas propostas relacionadas coa música desde outros puntos de vista abertos á investigación e a reflexión sonora.

 

A través dunha programación musical ampla e variada, dase mostra do potencial artístico existente no noso país ao tempo que se conta con figuras convidadas de relevo internacional da talla do Ensemble Gilles Binchois, o Cuarteto Quiroga, Martina Schobersberger xunto a Michael Oman, Huun huur tu ou o Scorch trio.

A programación pretende así achegarse a un público amplo, ofrecendo a posibilidade de facer un percorrido por diferentes estilos e períodos da historia da música, presentando unha serie de artistas, de xéneros e disciplinas sonoras ben distintas, para ofrecer unha nova lectura e reinterpretación daqueles espazos que lles darán envoltura.

 

Unha experiencia única onde públicos e músicos viaxarán a través do tempo e dos estilos musicais e arquitectónicos.

 

 Conselleira de Cultura e Deporte

Ánxela Bugallo Rodríguez