Visitas guiadas

 

Visita guiada ao castro de Viladonga, Castro de Rei

Domingo 15 de setembro, 18.00 h 

Para coñeceres máis sobre o que é un castro, que función tiña, como se organizaba, que vestixios se atoparon ou cando e como foron escavados,  Espazos Sonoros organiza unha tarde de visita guiada, da man dos técnicos do museo arqueolóxico, polo castro de Viladonga, na que teremos tamén oportunidade de coñecer as coleccións de materiais atopados durante as sucesivas escavacións.

(Logo da visita, ás 20.00 h, concerto do grupo Odaiko nas instalacións do museo)

 

Visita guiada ao muíño de maré, pozo de Cachón

Sábado 28 de setembro, 17.30 h 

Para os participantes no Obradoido de chegamento á música antiga está prevista unha visita guiada ao antigo muíño de marea, unha interesante instalación industrial da primeira metade do XIX, de grandes dimensións, que aproveitaba o fluxo das mareas para o seu funcionamento.

 

Visita guiada ao conxunto industrial de Moreiras, O Grove

Domingo 29 de setembro, 18.00 h

Na punta Moreiras, Concello do Grove, atopamos unha serie de vestixios de instalacións industriais vinculadas á conservación e á salga do peixe, cunha actividade que se remonta ao século XVIII. Xunto ás fábricas de Moreiras, rehabilitadas como Museo Etnográfico da pesca e a salga, poderemos visitar tamén os restos da antiga fábrica construída pola familia Goday en 1790. Unha oportunidade única para coñecer unha importante parte do noso pasado industrial marítimo.

(Logo da visita, ás 20.00 h, concerto de Caxade na fábrica de Moreiras)

 

Visita guiada ao castro de Baroña, Porto do Son, e breve relatorio de contextualización: "O fenómeno sonoro na cultura castrexa: unha lectura a través dos testemuños literarios", a cargo de Lorena López Cobas

Sábado 12 de outubro, 16.00 h 

Unha xornada para aproveitar, ao aire libre, un percorrido guiado polo castro costeiro de Baroña, que se complementará cunha visita ao Centro de Interpretación do castro, en Porto do Son, no que a investigadora Lorena López Cobas falará do papel que se supón que tivo o elemento sonoro na cultura castrexa a partir das fontes e referencias literarias existentes.

Lorena López Cobas é investigadora e docente, e combina estas dúas facetas coa da interpretación musical. Profesora titular do conservatorio de Ourense, é titulada superior en frauta travesa, licenciada en Historia da Arte e en Historia e Ciencias da Música e autora do libro Historia da Música en Galicia, editado en 2013 por Ouvirmos, no que a autora ofrece unha panorámica xeral da historia da música galega.

Capacidade máxima: 35 persoas

Inscrición: do 28 de setembro ao 9 de Outubro en actividades@espazossonoros.org

Lugar de encontro: no punto de acceso e baixada ao castro

Non esquezas:

- Calzado cómodo para camiñar

- Un impermeable por se chove

 

Visita guiada ao conxunto histórico das antigas Reais Fábricas de Sargadelos

Domingo 13 de outubro, 17.00 h 

Xunto ao moderno complexo industrial de Sargadelos, atópase o conxunto histórico formado polos restos das Reais Fábricas Siderúrxicas e Cerámicas, fundadas a finais do século XVIII por Antonio Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, figura senlleira da nosa primeira Ilustración.

A súa siderurxia, concibida como unha siderurxia integral, empregaba sistemas industriais revolucionarios e constituíu un dos primeiros altos fornos que funcionaron en España con carbón vexetal. Dela saíron moitos dos canos, cadeas, rodas hidráulicas, útiles de cociña e demais ferramentas das que se empregaban na España do século XVIII. Mesmo chegaron a crearse fermosos conxuntos escultóricos, fontes públicas e balaustradas decorativas que aínda se poden recoñecer nalgunhas cidades galegas.

A fábrica de louza comezou as primeiras probas no ano 1806, favorecida pola calidade destacada dos xacementos de caolíns existentes nas proximidades de Sargadelos. O complexo pechou a finais do século XIX e foi na década dos setenta, coa posta en marcha da nova fábrica de cerámica, cando aparece un renovado interese polo pasado histórico e pola conservación dos restos das antigas fábricas que poderemos visitar nesta xornada de Espazos Sonoros.

O paseo levaranos uns 900 metros a carón do río, a través do chamado Camiño Real, e nel visitaremos os muíños, a canle hidráulica, a fermosa fervenza do Paseo dos Namorados e o recinto da siderurxia, para achegármonos aos restos do noso pasado industrial do XVIII. De volta, visitaremos a Casa da Administración, hoxe sede do Museo Histórico de Sargadelos, e tamén os xardíns.

(Logo da visita, ás 19.00 h, asistiremos a un espectáculo de danza contemporánea da Cía. trasPediante, no Auditorio de Sargadelos)

Punto de encontro: onda a marquesiña ondulada de formigón do aparcadoiro da moderna fábrica de Sargadelos.

 

Visita guiada aos gabinetes científicos do IES Lucus Augusti

Mércores 2 de outubro 19.00 h 

Un banco de óptica que ten como fonte de luz un arco eléctrico, unha máquina pneumática de Bianchi, mapas, libros dos séculos XVI e XVII, figuras clásticas, incluída a dunha ra diseccionada, alambiques, un fol acústico ou un fonógrafo, son algúns dos obxectos que formaban parte dos gabinetes científicos do IES Lucus Augusti. A mediados do século XIX e consonte o mandato da chamada Lei Moyano de 1857, os centros de ensino fóronse dotando daquel material que permitise un ensino das ciencias non só teórico, senón tamén experimental. Daquela época, consérvanse en varios centros galegos interesantísimas e descoñecidas coleccións, en xeral en moi bo estado de preservación, grazas ao coidado que o persoal dos centros puxo con este legado, do que aínda hoxe podemos gozar e co que aínda é posible incluso visualizar, e mesmo demostrar, os diferentes fenómenos físicos e químicos para os que foron adquiridos.

A visita guiada fará un percorrido pola exposición permanente do fondo histórico-educativo do centro, da man de expertos que nos ilustrarán sobre as diferentes pezas e a súa funcionalidade.

(Logo da visita, ás 20.00 h, recital músico-teatral de DandyLady)

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos