Obradoiro de achegamento á música antiga. Unha cita coa música antiga e cos seus instrumentos, para coñecelos e gozar deles:

OS INSTRUMENTOS ANTIGOS DE CORDA

Sábado 28 de setembro, 18.00 h

Muíños de marea Pozo de Cachón, Muros (A Coruña)

 

Arquímedes Artal: viola de gamba e lirone
Fernando Reyes: guitarra barroca, vihuela, tiorba, colascione e outros
Manuel Vilas: arpa dobre, arpas medievais
Modera: Andrés Díaz

Por que ese instrumento ten un mastro tan longo? Cantas cordas ten unha tiorba? Por que unha arpa medieval é tan pequena? Sabías que un lirone é un instrumento musical e non un animaliño que dorme moito? Estas e outras moitas preguntas terán resposta na proposta didáctica que Espazos Sonoros lle dedica á música antiga e aos seus instrumentos. Se a primeira edición estivo dedicada ás diferentes familias de instrumentos e a segunda aos instrumentos antigos de vento, esta terceira centrarase integramente nos instrumentos de corda pulsada e fretada.

Dirixido e moderado por Andrés Díaz, o obradoiro contará coa presenza dalgúns dos nosos máis expertos e internacionais músicos antigos. Fernando Reyes, Arquímedes Artal e Manuel Vilas tocarán xuntos e falarán, nun contexto distendido e ameno, dos seus instrumentos, da época na que se tocaban e da música escrita para eles.

Ademais, esta cita terá lugar nun espazo singular e fermoso, o muíño de marea Pozo de Cachón, unha construción industrial situada no fondo da ría de Muros, rehabilitada nos anos noventa e que poderemos visitar antes do obradoiro.

Capacidade máxima: 60 persoas

Inscrición: do 14 ao 25 de setembro en actividades@espazossonoros.org

Público: para todos os públicos, con ou sen coñecementos de música

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos