CONSTRÚE O TEU PROPIO TUBO DE ÓRGANO

Obradoiro de organería para público infantil

Sábado 21 de setembro, 16.00 h

Aula de conferencias do claustro barroco do mosteiro de San Rosendo, Celanova (Ourense)

 

Que é un órgano?, como funciona?, como é por dentro?, por que teñen tantos tubos? son todos de metal?...

Espazos Sonoros, fiel aos seus obxectivos de fomento do aprecio polo patrimonio histórico e musical e de formación de novos públicos para a música, propón unha singular actividade dirixida a nenas e nenos, para aprenderen a construír tubos de órgano de cartón e madeira para iniciarse, deste xeito, no apaixonante e descoñecido mundo da organería.

O obradoiro desenvolverase nas dependencias do claustro barroco do mosteiro de San Rosendo de Celanova e estará moderado por Herbert e Andrea Kuen, expertos en organería e educación infantil, que deseñaron esta actividade especificamente destinada ao público de Espazos Sonoros.

Ademais, faremos unha visita guiada para coñecermos o órgano da igrexa de San Rosendo, na que se farán pequenas demostracións sonoras que permitan percibir as potencialidades do instrumento, para que os máis pequenos se vaian familiarizando co seu son e coa súa música.

 

Herbert Kuen

Herbert Kuen é organista, experto en organería e un dos máis recoñecidos construtores de instrumentos antigos de tecla do Tirol. Enxeñeiro forestal de profesión, estudou órgano na Akademie für Musik und Darstellende Kunst de Viena e exerceu como organista de diversas igrexas de Innsbruck, entre elas a Igrexa da Corte, na que toca o famoso Ebertorgel (1558). Ademais, colabora adoito con diversas formacións musicais e ofrece tamén concertos como solista. Como construtor de instrumentos de tecla antigos, goza dunha ampla reputación e os seus instrumentos son solicitados polos máis importantes festivais e conservatorios de toda Europa. Foi membro do equipo que traballou nos labores de restauración do órgano da catedral de Ciudad Rodrigo, en Salamanca, e na reconstrución do órgano de Celanova, no que terá lugar o obradoiro. Ademais, presta servizos para a posta a punto de instrumentos de tecla antigos en diversos festivais internacionais de música, como as Innsbrucker Festwochen der alten Musik (onde ten participado tamén en diversas actividades didácticas) ou no Landestheater de Innsbruck. Representa de maneira habitual o Tirol e á diocese de Innsbruck en numerosos congresos internacionais e reunións de expertos en conservación e construción de órganos e instrumentos antigos de tecla.

 

Unha curiosidade...

A idea de recrear tubos de órgano de cartón pode parecer unha ocorrencia. Pero está documentado que, arredor de 1672, o construtor de órganos Johann Caspar (italianizado como Eugenio Casparini), recoñecido polo enxeño das súas invencións e polas constantes innovacións que incorporaba á mecánica dos seus órganos, construíu para o káiser Leopold II, para o que traballou como organeiro real na corte de Viena, un órgano positivo con tubos de cartón.

 

Capacidade máxima: 20 persoas

Inscrición: do 7 ao 18 de setembro en actividades@espazossonoros.org

Lugar de encontro: onda a Oficina de Turismo de Celanova, Praza Maior n.º 1

Público: nenas e nenos a partir dos 8 anos

Obxectivos:

_Familiarizar as nenas e os nenos co mundo do órgano, coa súa música e cos oficios relacionados con este instrumento

_Axudar a desenvolver destrezas manuais e musicais

_Crear novos públicos para a música de órgano

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos