Cía. trasPediante

HABELAS

Marta Alonso e Begoña Cuquejo: movemento
Ariel Ninas: zanfona, pandeiro e electrónica
Paulina Funes: iluminación
Dirección: Begoña Cuquejo

 

Domingo 13 de outubro, 19.00 h

Auditorio de Sargadelos, Cervo (Lugo)

 

Habelas é unha peza escénica multidisciplinar que mestura a música en directo, a danza contemporánea, a maxia e o audiovisual, e que recolle da memoria colectiva a nosa relación entre os ritos populares e o corpo. A través de diferentes linguaxes escénicas, a obra recrea un contexto fantástico e misterioso no que se incorporan as principais simboloxías da maxia en Galicia, ao tempo que achega temas sociais como a categorización da muller ou aquelas pantasmas e presenzas que amolan o individuo e que se manifestan a través dos nosos pensamentos ou da nosa propia situación.

O eixe da creación parte do tratamento da danza desde un punto de vista contemporáneo, como expresión do corpo, arredor dun discurso paralelo que flúe do son presente na música e na voz, testemuño real recollido e gravado no seu propio contexto sonoro. O título Habelas vén dado pola personaxe principal da obra, a meiga, e fai referencia ao refrán popular tan común na tradición oral galega: “eu ver nunca as vin, pero habelas, hainas”.

Habelas foi gañadora do Premio Injuve 2010.

Fundada en 2008 por Marta Alonso e Begoña Cuquejo, Cía. trasPediante realizou, ademais, pezas escénicas coma Baleadas, O vestido verde, Nin1mm, Planificar a caída ou Track 6. A compañía promove tamén outros proxectos relacionados coa danza, como obradoiros e traballos coreográficos, nos espazos de danza das universidades de Vigo e de Santiago de Compostela, e a organización do festival de danza Corpo(a)terra de Ourense.

 

traspediante.blogspot.com.es

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos