Gothic Voices

O GRAND TOUR MEDIEVAL

Unha viaxe musical para a descuberta arredor de Europa
Obras de Hildegard von Bingen, Landini, Machaut, Dufay e Peñalosa
 Catherine King: mezzo-soprano
Julian Podger: tenor
Leigh Nixon: tenor
Stephen Charlesworth: barítono

 

Domingo 6 de outubro 19.00 h

Igrexa de Santa María de Armenteira, Meis (Pontevedra)

 

Houbo unha vez un tempo no que a educación de calquera aspirante a cabaleiro inglés non era completa ata que este emprendía o Grand Tour, unha rolda arredor de Europa para coñecer as principais culturas e linguas doutros países. Tomando como argumento esta travesía de aventura e descuberta dos cabaleiros medievais, o programa de concerto de Gothic Voices en Espazos Sonoros convídanos a realizar unha viaxe musical para percorrermos as obras seculares e sacras máis deliciosas de cinco países, a través de seis séculos de historia.

O punto de partida será a Alemaña da abadesa Hildegard von Bingen, á que volveremos ao final do programa para percorrermos, entre tanto, terras inglesas, francesas, italianas e españolas, visitando espazos musicais de primeira orde e coa escoita de obras de grandes compositores dos séculos XI ata o XVI, coma Francesco Landini, Guillaume de Machaut, Guillaume Dufay ou Francisco de Peñalosa.

Gothic Voices, fundado hai xa vinte e cinco anos polo músico e investigador inglés Christopher Page, é un dos grupos vocais de maior sona en todo o mundo, amplamente coñecido por unha técnica e unha espitirualidade únicas coas que se enfrontan e difunden os repertorios da música medieval europea. Cunha dilatada carreira que os levou aos máis destacados escenarios do mundo e a obter numerosos premios e unha ampla produción discográfica, Gothic Voices preséntase por vez primeira en Galicia nun dos espazos mais fermosos do noso románico de transición cisterciense, Santa María de Armenteira.

gothicvoices.co.uk

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos