Il Combattimento

TRAS OS MUROS

Obras de Dufay, Landini, Machaut, música sefardí e dos códices Faenza, Wolfenbüttel e de Las Huelgas
Abraham Cupeiro: corneta, gaita, voz, percusión, trompeta bastarda e shofar
María Ruiz: frauta travesa, orlo e voz
Diego Segade: viola de brazo e voz
Carlos Vázquez: percusión, cimbalón, orlo e voz
Vadzim Yukhnevich: organetto e voz

 

Domingo 8 de setembro, 20.00 h

Igrexa de San Salvador de Camanzo, Vila de Cruces (Pontevedra)

 

Esta formación, dirixida por Abraham Cupeiro, naceu no ano 2011 da man de tres músicos profesionais e profesores de ensinanzas musicais, Diego Segade, María Ruiz e o propio Cupeiro. O grupo toma o seu nome da peza homónima de Claudio Monteverdi Il Combattimento di Tancredi e Clorinda, en referencia ao combate musical que xorde do diálogo entre os diferentes instrumentos.

A través de varias formacións instrumentais, o grupo percorre diferentes repertorios que van desde a música medieval ata a do Barroco, cun enfoque acaidamente didáctico. Malia a súa recente formación, o grupo foi xa convidado a participar en festivais en México e en Costa Rica.

Nesta ocasión, o grupo preséntase en Espazos Sonoros cun programa que pretende recrear as paisaxes sonoras da Idade Media, para o que toma como eixe argumental os muros que pechaban as vilas medievais e que lle daban forma ao labirinto urbano, arquitectónico e tamén social. O programa irá traspasando sucesivos muros imaxinarios e representativos dos diferentes segmentos que compoñen o mosaico da cidade medieval, no que as diferenzas estamentais e relixiosas se fan patentes a través da música. Cantos relixiosos baseados no cantus firmus do Cunctipotens Genitor, músicas a cabalo entre o relixioso e o profano, xunto a cancións e danzas cortesás ou músicas da alta capella, iranse sucedendo ao longo do concerto para rematar pechando as portas da última muralla, a da alxama xudía.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos