laReverdie

VERGINE BELLA

A figura feminina no medievo, entre a devoción e o misticismo
Obras de Dufay, Hildegard von Bingen, motetes e laudi dos séculos XIII, XIV e XV
Claudia Caffagni, voz e laúde
Livia Caffagni, voz, frauta, viella
Elisabetta de Mircovich, voz, viella, sinfonía, campás

 

Domingo 14 de setembro, 20.00 h

Igrexa de Santa María, Baiona (Pontevedra)

Fundado nos anos oitenta por catro mulleres, as irmás Caffagni e de Mircovich, o grupo italiano laReverdie é xa un dos referentes na interpretación dos repertorios medievais vocais e instrumentais. Ao longo da súa traxectoria, o grupo vén desenvolvendo unha frutífera actividade discográfica e de éxitos sobre os escenarios de todo o mundo, así como un amplo labor de investigación e de recuperación da música da Idade Media. As súas actuacións destacan pola maneira viva, natural e fresca de comunicarse co público e por un refinado virtuosismo, tanto na execución vocal coma na instrumental. 

O programa, que leva por título un verso de Petrarca ao que lle puxera música Guillaume Dufay, O Vergine Bella, vira arredor do universo do feminino e das diversas representacións da figura feminina que se plasman a través do sentimento relixioso medieval. As obras interpretadas no programa abordan a figura da Virxe María, como nai de Deus, fonte de inspiración e figura central do pensamento do medievo, así como a nova orientación que adopta a devoción mariana, a partir do segundo milenio, que adquire un ton cabaleiresco, por influencia do amor cortés. O programa non esquece a produción intelectual que florece ao longo de todo o medievo, de numerosas mulleres que desenvolven unha intensa actividade poética, musical, científica, política ou teolóxica, como Hildegard von Bingen ou Caterina da Vigri, mulleres que destacaron nun universo eminentemente masculino. Por último, o programa abordará tamén o culto ás santas que, a partir do século XIII, irá deixando como testemuño numerosos textos que narran, en ton de aventuras, as vidas destas mulleres.

 

lareverdie.com

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos