Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario (A Coruña)

Martes 18 de outubro, 20.00 h

Paula Ríos
Paisaxes arredor da figura de Rosa García Ascot

 

A Academia de Belas Artes do Rosario ocupa o edificio do que foi no seu día o Real Consulado do Mar, situado na rúa Panadeiras da Coruña, un edificio de finais do século XVIII, que foi construído orixinariamente por don José Ramos, un comerciante coruñés que vivía en Cádiz, como residencia particular aínda que, coma tal, non chegaría a ser habitada. Posteriormente foi arrendada polo Real Consulado Marítimo e Terrestre da Coruña, logo da súa creación por Carlos III, en 1785. En 1793, pasou a ser propiedade do Estado, que a adquiriu pola cantidade de 290.000 reais de vélaro. Coa disolución dos consulados, en 1829, o edificio foi ocupado por diversos organismos. Alí permaneceu a chamada Biblioteca do Consulado, e é o único que queda daquela institución. A Academia de Belas Artes estableceu neste edificio a súa sede oficial en 1913 e o Museo de Belas Artes tivo alí a súa localización desde 1942 ata a inauguración da edificación actual, en 1995, no espazo do antigo convento de Capuchinas, situado nas inmediacións. Actualmente, o edificio acolle tamén a Academia de Xurisprudencia e Lexislación, a Academia de Gastronomía e a Academia Galega do Audiovisual.

Realizado en granito, consta de tres andares e un ático, engadido posteriormente, cando se cubriu a terraza deseñada nun principio por encarga do propietario, a cal imitaba as terrazas das construcións gaditanas, un deseño que resultou pouco afortunado para a cidade da Coruña debido ás diferentes condicións climáticas.

Na fachada do edificio destaca, no primeiro andar, o gran balcón corrido e, no segundo, ábrense cinco portas balcón. No muro da fachada chama a atención o remate, cun frontón semicircular que acolle un reloxo aínda en funcionamento, cuxo son forma parte dunha paisaxe sonora, familiar para xeracións de veciños e veciñas da zona. Na súa estrutura interior, a construción articúlase arredor dun patio cuberto cunha vidreira ao que se abren catro corredores abertos.

A Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario foi unha das trece creadas en España polo Real decreto do 31 de outubro de 1849 como Academia Provincial de Belas Artes. Segundo o regulamento actualmente vixente, trátase dunha institución oficial consultiva da Administración en materia de protección e promoción das manifestacións artísticas en Galicia. Unha das súas principais misións foi o impulso da creación dun museo provincial como principal complemento dos estudos de Belas Artes, xerme do actual Museo de Belas Artes da Coruña.


academiagallegabellasartes.org

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos