Castelo de Monterrei, Monterrei (Ourense)

Sábado 24 de setembro, 19.00 h

La Xácara
(Coñece o teu patrimonio: ás 16.30 h, visita guiada)

 

O conxunto do castelo de Monterrei é unha das máis interesantes prazas fortes de Galicia, constitúe unha verdadeira acrópole, asentada sobre o antigo castro de Baroncelle. Está situado sobre un val vizoso, nun punto natural de comunicación entre Galicia e Castela, e tamén cara a Portugal. As primeiras noticias históricas sobre o lugar son do século X, cando era vila do conde Menéndez Gutiérrez, pai de san Rosendo. Máis tarde foi unha fortaleza dependente da coroa de Castela que, no século XV, lle cedeu Xoán I a Diego López de Zúñiga, cuxo fillo inicia o vizcondado, posteriormente condado de Monterrei. Ademais das construcións civís residenciais e do pazo-castelo, o conxunto albergaba un hospital de peregrinos, que foi fundado en 1327 —o actual edificio data de 1391—, e a igrexa parroquial de Santa María de Gracia, construída no século XIII en estilo románico oxival. Esta ten unha interesante porta orixinal, cun tímpano de gran riqueza. No seu interior destaca a capela dos condes, cun extraordinario retablo de pedra, tamén en estilo oxival, con escenas da Paixón.

No castelo, os elementos máis destacables son a torre das Damas, de entre finais do século XIII e comezos do XIV, que é a antiga torre da homenaxe, e a torre nova, construída no século XV polo primeiro conde, Sancho Sánchez de Ulloa e a súa dona, que ten 22 metros de altura. As guerras do século XVII con Portugal levaron a modernizar as construcións defensivas e construíronse diversos baluartes, contramuros e garitas e ampliouse o recinto. En Monterrei houbo tamén dous conventos, o dos franciscanos e outro de mercedarios, fundado cara ao ano 1484 e que, en 1597, se trasladou a Verín. Tivo importancia sobresaínte o colexio dos xesuítas, que xa na segunda metade do século XVI tiña preto de 1200 alumnos, o cal se situaba onde hoxe se atopa o antigo parador. Esta fundación xesuítica debeuse a Alonso de Acevedo e Zúñiga, terceiro conde de Monterrei e neto do arcebispo Alonso de Fonseca. Todas as construcións monacais se arruinaron no século XIX coa desamortización.

No castelo dos condes instalouse tamén unha das primeiras imprentas activas en Galicia, a de Gonzalo Rodríguez de la Pasera, da que saíu no 1494 o Misal Auriense, un valioso incunable do que se conserva un exemplar na catedral de Ourense. É interesante destacar tamén que hai referencias á existencia de órgano na igrexa de Santa María xa no ano 1489. Con posterioridade existen tamén diversas evidencias do uso deste instrumento polos franciscanos desde o século XVI ata 1835, data na que aparece citado un instrumento, situado no coro da igrexa do convento, nun inventario feito con motivo da desamortización.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia abordou a rehabilitación do castelo e da igrexa, en diferentes fases, entre os anos 1984 e 2008.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos