Castelo de Santa Cruz, A Guarda (Pontevedra)

Domingo 11 de setembro, 19.30 h

César Prata e Ariel Ninas
(Coñece o teu patrimonio: ás 11.30 h, xornada no Baixo Miño: entre viñas e fortes)

 

A fortaleza, coñecida popularmente como castelo de Santa Cruz, é unha construción defensiva, das moitas que existen a ambas as dúas marxes do Miño, que ten a súa orixe nas guerras entre Portugal e España, que tiveron lugar a mediados do século XVII e que concluirían en 1668 co Tratado de Lisboa, no que España recoñece a independencia de Portugal. O seu nome púxose en honra de Álvaro de Bazán, marqués de Santa Cruz de Marcenado, capitán xeral da mariña española, finado en 1588 cando trataba de ultimar os preparativos para a saída da Armada Invencible. A construción da fortaleza levouse a cabo durante o reinado de Filipe IV e, segundo consta en fontes documentais, cara a 1664 estaba xa rematada. Na súa construción parece que se empregaron restos da muralla medieval da vila. En 1665, os portugueses asedian a fortaleza que cae, canda a vila da Guarda, en mans portuguesas e permanecen nelas ata 1668. En 1809 foi tamén brevemente ocupada polo exército francés, pero coa axuda de milicianos de toda a comarca organizados pola Xunta de Defensa da Guarda, con sede en Caminha, recupérase o enclave nese mesmo ano.

A fortaleza foi vendida a mediados do século XIX en poxa pública e os seus sucesivos propietarios destinárona a diversos usos, como explotación agraria e incluso se instalou nela unha fábrica de embutidos de carne de porco, da Sociedade Comercial Lomba y Lomba, que exportaba a Cuba e Porto Rico e que, coa perda das últimas colonias, tivo que pechar. No seu lugar instalou o mesmo propietario unha fábrica de cerámica, La Santa Cruz, provedora da Casa Real.

A planta da fortaleza ten forma de polígono irregular con catro baluartes en ángulos saíntes que sobresaen das murallas: o da Guía, o da Cruz, San Sebastián e Santa Trega. Rodeando a construción existía un foso que dificultaba o acceso desde o exterior e os baluartes dispuñan de garitas para os vixiantes que aínda se conservan. A fortaleza ten dúas portas, a porta da Vila e a do Socorro. Existen planos da edificación que detallaban, a mediados do século XIX, o contorno, os accesos e as construcións que se atopaban no patio interior (cuarteis para as tropas, capela, cortes, almacéns, polvoreira, fornos, casa para o gobernador, carnicería) das que non se conserva nada.

O conxunto complétase cunha interesante colección botánica de especies arbóreas, restos das antigas plantacións forestais que se fixeron cando o recinto pasou a mans privadas, entre as que destacan especies como piñeiros de California, os eucaliptos do patio de armas, cipreses, araucarias, cryptomerias, tileiros, camelias ou palmeira canaria.

O edificio recuperou a súa titularidade pública e pasou a ser propiedade do Concello. Desde 2005, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia abordou unha rehabilitación integral do castelo, coa recuperación de tramos do lenzo, a limpeza da vexetación e a construción do Centro de Interpretación das Fortalezas Transfronteirizas, que permitirá coñecer os sistemas defensivos existentes na zona.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos