Museo Etnolóxico de Ribadavia, Ribadavia (Ourense)

Sábado 10 de setembro, 19.00 h

Tres Pesos
(Coñece o teu patrimonio: ás 15.00 h, ruta fluvial de Ribadavia a Francelos)

 

Situado na histórica vila de Ribadavia (Ourense), o museo ocupa a antiga casa do marqués de Baamonde, un interesante pazo urbano cunha orixe que podería remontarse ao século XVI, aínda que sufriu, posteriormente, diversas modificacións. O edificio conserva aínda dependencias da antiga fábrica, como a cociña, o forno e as adegas, e ten no seu interior un fermoso patio que dá entrada a diferentes zonas do pazo.

En 1908, foi adquirido por don José Martínez Vázquez, quen no seu testamento deixou disposto que o edificio fose destinado a sede benéfico-docente, co nome de Fundación Martínez Vázquez. Así, o pazo desenvolverá unha función docente e acollerá, entre outros, os Irmáns Maristas, o Colexio Akademus ou o Instituto Laboral.

En 1978, foille cedido polo Concello de Ribadavia ao Ministerio de Cultura, que acorda convertelo na sede do Museo de Artes e Costumes Populares, creado en 1969 por iniciativa de Chamoso Lamas. Posteriormente, funcionou como sección etnográfica do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. No ano 1993, e unha vez transferida a súa xestión á Xunta de Galicia, deixa de ser sección etnográfica do Museo Provincial ourensán e adquire plena entidade de museo, coa denominación de Museo Etnolóxico de Ribadavia. Desde aquela, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia acometeu diversas intervencións de rehabilitación, que inclúen a recente renovación da carpintaría exterior, a reposición de pavimentos interiores, a reforma da adega, así como as instalacións de seguridade e contra incendios, entre outras.

Os fondos do museo están integrados por obxectos do século XIX ata os nosos días. Entre eles destaca a cerámica procedente de varios núcleos de produción autóctona, tecnoloxía e produción téxtil artesanal, aveños de labranza, mobiliario doméstico, apeiros de pesca fluvial, instrumentos de medida, obxectos asociados ao coidado da vide e produción e almacenaxe do viño, obxectos representativos de oficios tradicionais, maquinaria agrícola e motores da primeira metade do século XX, electrodomésticos, fondos de indumentaria de grupos folclóricos e, con menor representatividade, xoguetes e material escolar.

Conta, así mesmo, cun amplo fondo fotográfico e cun interesante fondo oral, audiovisual e documental, e cunha hemeroteca.


museoetnoloxico.ribadavia-blog.xunta.es

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos