Pazo de Liñares, Lalín (Pontevedra)

Sábado 1 de outubro, 17.00 h

Obradoiro de achegamento á música antiga
(Coñece o teu patrimonio: ás 16.00 h, visita guiada)

 

Situado na parroquia de San Martiño de Prado, no concello de Lalín, este pazo constitúe un dos mellores expoñentes do que foron as construcións palacianas da comarca do Deza e de Galicia en xeral. De estilo barroco galego, foi construído a finais do século XVII e comezos do XVIII, e foi casa dos Taboada, unha das liñaxes máis importantes de Galicia, na que residiron ata 1920. Neste pazo naceu o coñecido aviador galego Joaquín Loriga Taboada.

O pazo viviu épocas de grande esplendor, especialmente ao longo do século XIX, cando se reunían alí importantes persoeiros pertencentes á burguesía, á curia e á intelectualidade. Por alí pasaron Emilia Pardo Bazán, Ramón Cabanillas ou Otero Pedrayo, que incluso introduciron a memoria do pazo de Liñares na literatura. No primeiro terzo do século XX, o pazo entra en franca decadencia tras a morte de Carlos Taboada y Rada, en 1903, pola mala administración que das propiedades fixeron os seus herdeiros, que conduciron ao embargo do pazo en 1920. A propiedade pasará entón por diversas mans, ata que no ano 2002 foi vendido ao Concello de Lalín. Tras o abandono da propiedade polos Taboada, o pazo sufriu unha progresiva deterioración e o seu estado, no momento da súa restauración, era moi precario. Dos elementos orixinarios do pazo só se conservan as fachadas de pedra e os muros de cachotería, así como a maior parte da estrutura portante de elementos de madeira. Tamén se conservan algunhas pinturas murais do friso que decoraba o salón principal, unhas curiosas pinturas co retrato dun can que parece que pertenceu á familia, escudos e floróns que decoraban os teitos, os comedeiros das antigas cortes de cabalos, unha pía bautismal, a capela, que se atopaba en estado ruinoso, a fonte da entrada, o forno, o pozo e un lavadoiro.

De forma rectangular, o pazo de Liñares destaca polo seu importante volume, así como por unha cheminea de considerables dimensións e unha solaina na fachada sueste conformada por cinco arcos sustentados por columnas de pedra e balaustrada maciza de cantería. Do resto do mobiliario da casa non se conserva nada, aínda que se ten constancia da riqueza que atesouraba esta construción palaciana, que dispuña de cuartos para a familia e o servizo, biblioteca, arquivo, oratorio, pombal, hórreo, xardíns con froiteiras, horta, fontes e mesmo unha pequena pesqueira no río. Ademais, dispuña de auga corrente conducida por canos de cantería desde unha mina situada a maior altura mediante un sistema de vasos comunicantes, o que non deixaba de ser un luxo naquela altura.

Declarado BIC no ano 2009, en 2011 comezaron os traballos de rehabilitación en colaboración coa Administración estatal e o departamento de Cultura da Xunta de Galicia. Actualmente é a sede do Museo da Marioneta e centro para a realización de actividades sociais e culturais de carácter público e alberga o centro de restauración arqueolóxica
dependente do Museo Provincial de Pontevedra.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos