San Salvador de Vilar de Donas, Palas de Rei (Lugo)

Domingo 18 de setembro, 19.00 h

La Compagna
(Coñece o teu patrimonio: ás 17.30 h, visita guiada)

 

A igrexa de Vilar de Donas, situada no concello de Palas de Rei, a carón do Camiño Francés de Santiago, pertenceu a un mosteiro fundado cara a mediados do século XII por Arias Pérez de Monterroso e a súa dona. A finais do século XII, o mosteiro foi doado polo deán de Lugo, don Xoán Arias, á nacente orde de Santiago e, nos séculos seguintes, recibiu numerosas doazóns, privilexios reais, propiedades e igrexas na zona. O mosteiro entrará en épocas máis recentes en decadencia. En 1826 xa era tan só un priorado de San Marcos de León. Coas desamortizacións de 1855 e 1856 e a posterior supresión da orde santiaguista, Vilar de Donas quedou reducida a simple parroquia.


A igrexa foi construída en varias fases; comezouse pola cabeceira e o cruceiro e rematouse no primeiro terzo do século XIII. Ten planta de cruz latina, cunha única nave e cruceiro rectangulares, ábsida central semicircular e dúas absidiolas conectadas coa nave transversal. A portada é de arco abucinado de medio punto, con cinco arquivoltas sobre columnas con capiteis profusamente decorados con motivos vexetais, aves, animais e figuras humanas, precedida dos restos dun pórtico que albergaba a portada, de arcos lixeiramente apuntados. Destaca no conxunto a porta principal, de madeira de castiñeiro, de dúas follas, pintada de cor vermella e decorada na parte exterior con elementos de forxa ornamentados.

Mención á parte merecen as pinturas murais, conservadas detrás do retablo que se atopaba na ábsida, encadradas no denominado gótico internacional. Coñecemos o seu autor grazas á inscrición que di: “NO ANO DE MILL CCCC XXXIV (ANOS) PETRUS NUNII (o MUNI) DE TURIS (o BURIS) ME FECIT”. No conxunto destaca unha escena da Anunciación a ambos os dous lados da ventá central, onde se atopa unha singular representación da virxe grávida xunto ao arcanxo Gabriel. A ambos os lados represéntanse santa Catarina de Alexandría e santa Bárbara portando os seus atributos do martirio e bustos de figuras vinculadas á Anunciación, o profeta Xeremías, o rei David, a Sibila de Eritrea e o profeta Daniel. Por debaixo destas representacións, dúas cabezas de anxos, unha esperta e outra durmida, que representan o Antigo e o Novo Testamento. No nivel inferior, sitúanse unha representación dun Cristo doente, canda o retrato dos reis Xoán II e a súa dona, María de Aragón, monarcas reinantes na altura, e o seu fillo, o príncipe herdeiro, Henrique. Destaca tamén o retablo pétreo, que orixinariamente estaba situado no altar e que contén representacións da paixón de Cristo, o que conforma unha inusual iconografía da chamada misa de san Gregorio, lenda nacida entre os séculos XIV e XV que narra a aparición de Cristo ao papa Gregorio mentres celebraba a misa, rodeado dos instrumentos da paixón e amosando os seus estigmas.

A Xunta de Galicia veu abordando, desde o ano 1991, diversas intervencións de conservación e restauración na igrexa, nos muros, no adro e nas pinturas murais. As máis recentes, realizadas entre os anos 2012 e 2014, centráronse no retablo lateral do Salvador, na pintura mural da Epístola e na restauración da porta principal da igrexa.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos