Santa María a Real do Cebreiro, Pedrafita do Cebreiro (Lugo)

Sábado 17 de setembro, 17.30 h

Solo Voces e Adrián Regueiro
(Coñece o teu patrimonio: ás 10.45 h, roldas pola paisaxe organística galega)



A historia do templo do Cebreiro está intimamente vinculada á do Camiño Francés a Compostela. A perda do arquivo durante a Guerra da Independencia privounos de moita información relevante sobre ela e sabemos da súa orixe a través do recollido polo padre Yepes. Orixinariamente foi un hospital, fundado nos comezos das peregrinacións, aló polo ano 836, e estratexicamente situado nun dos pasos máis duros do Camiño Francés, xusto na entrada do reino de Galicia. No ano 1072 pasa a depender dos frades bieitos San Xeraldo de Aurillac, e no século XVI é priorado dependente de San Bieito de Valladolid, por intercesión dos Reis Católicos, ata a exclaustración no ano 1858. Coa marcha dos frades, o hospital sufriu a ruína e só se preservou a igrexa, con diversos amaños e reformas.

A pesar destas obras e reformas sucedidas na súa longuísima historia, pénsase que a igrexa conserva no esencial a planta do século IX. Grazas a isto, sabemos que está influída polo estilo das igrexas do prerrománico asturiano e non polo da basílica compostelá, xa que a planta se asemella moito ás primeiras. Nas importantes restauracións de 1962, a igrexa dotouse dunha cuberta de madeira, apoiada nunhas ménsulas de forma curiosa. Nunha das capelas laterais hai unha gran pía bautismal, apta para practicar o bautismo por inmersión. Na outra está o cáliz, unha patena e dúas ampolas de vidro. O primeiro está relacionado coa famosa lenda do milagre do Cebreiro, segundo a cal, arredor de 1300, un día cunha forte nevada e na que só asistira á misa un fregués, o crego dubidou da realidade da eucaristía ao menosprezar o esforzo do fregués por ir ver só un cacho de pan e un pouco de viño. Nese mesmo instante, a hostia converteuse en carne vermella e o viño en sangue, a Virxe inclinouse en xesto de saúdo ante o feito, mentres que o crego, vendo o extraordinario suceso, caeu ao chan e morreu. O cáliz, conservado nun relicario obsequio dos Reis Católicos, é unha prezada peza románica, que é a que figura no escudo de Galicia. Arredor desta reliquia tamén hai outra lenda, pois semella que estes mesmos monarcas quixeron levala con eles cando pasaron por alí, en 1486, camiño de Santiago de Compostela. De feito, gardárona no seu tren de bagaxes ao regreso, pero a uns poucos quilómetros de saír do lugar, os cabalos pararon en seco e negáronse a seguir o camiño. Ao deixalos ceibos, volveron para a igrexa, ante o cal a raíña Isabel ordenou a restitución da reliquia ao seu lugar. Outra curiosa lenda conta que, nos días de néboa, os monxes facían soar a campá para orientar os camiñantes.


Desde 1996 a Xunta de Galicia veu realizando distintas intervencións na igrexa dirixidas á restauración e á conservación do monumento; as máis recentes, a incorporación dunha instalación de calefacción, a restauración de fábricas e o acondicionamento do contorno.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos