Igrexa de Santa María, Baiona (Pontevedra)

Sábado 8 de outubro, 20.30 h

Ensemble Gilles Binchois

 

Esta igrexa, de aspecto fortificado, pertence ao denominado románico de transición, tamén chamado oxival, con influencias cistercienses. Disque no século XII existía xa un templo nesa localización que, por un privilexio de 1137 de Afonso VI, pasou a depender do mosteiro de Santa María de Oia pertencente á orde do Císter; ese templo sería substituído por outro, cunhas obras que comezaron a finais do século XII ou comezos do XIII e que remataron no último terzo do século XIII.

A igrexa presenta planta basilical con tres naves de seis tramos e ábsidas rectangulares, a central de maiores dimensións, cubertas con bóveda de canón apuntada. Nas naves reconstruíuse o teito de madeira. A fachada occidental dispón de tres rúas delimitadas por dous contrafortes. A rúa central dispón dunha portada e dun sinxelo rosetón. A porta da fachada presenta un tímpano liso, tres pares de columnas e arquivoltas.

Foi instituída en colexiata a finais do século XV por desexo do bispo de Tui Diego de Muros e tivo tal consideración ata a súa desamortización en 1850. A colexiata tiña doce racións, das cales dúas, por oposición, eran para o oficio de organista e cantor, e outra aplicábase a catro nenos de coro. Sabemos que no ano 1515 había xa na colexiata un órgano construído por Juan de Entenza que nesas datas estaba a facer outro para a catedral de Tui. Con posterioridade, en 1791, o organeiro compostelán José Benito González de Seixas vai construír un novo, que será o que sobreviva ata o século XX, cando órgano e coro foron retirados da nave central.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos