Igrexa de Santiago de Cereixo, Vimianzo, A Coruña

Sábado 3 de setembro, 20.00 h

Le Miroir de Musique
(Coñece o teu patrimonio: ás 15.00 h, ruta pola ribeira do río Grande)

 

Case ao fondo da ría, significativamente chamada do Porto, sitúase nun pequeno promontorio natural a igrexa románica de Santiago de Cereixo, ao carón das torres, de orixe medieval, do mesmo nome. Estes dous edificios singulares están rodeados dunha interesante vila medieval. Non é menos impresionante o carballo centenario situado na pequena praciña fronte á igrexa.

É moi probable que tanto as torres como a igrexa tivesen a súa orixe nun porto ou punto defensivo, ao fondo do esteiro do río Grande, que é o que forma a ría de Camariñas. É ben sabido que os romanos, e logo os normandos, usaban estes entrantes naturais de auga como vía para as súas penetracións terra dentro. Así sucedeu, por exemplo, nas veciñas ría de Muros e Noia ou, máis ao sur, na de Arousa, onde se sitúan as torres de Catoira. Xa na Idade Media, cara ao século X, as torres de Cereixo servían de primeira barreira defensiva contra as incursións normandas e o castelo que naceu ao seu arredor sería sede señorial das familias dos Traba ou Carantoña. A igrexa serviría ao castelo e tamén como lugar de enterramento dos nobres desas familias.

A pequena pero interesante igrexa é do século XII e foi construída, moi probablemente, por canteiros que viñan de traballar en Compostela. Ten similitudes estilísticas coa do próximo mosteiro de Moraime e con outras desta zona da Costa da Morte. Un elemento sobresaínte nela é o tímpano da porta sur, que representa o traslado do Apóstolo Santiago na barca, cos seus discípulos, e que é único en toda Galicia; esta imaxe apareceu no reverso de moedas impresas na ceca de Compostela durante a época de Filipe II.

Nos anos oitenta do século XX, á vista da súa notable deterioración, sufriu unha importante restauración. Retirouse o altar barroco, o falso teito onde se descubriron restos das trabes orixinais e que agora se poden observar, abríronse ventás que estaban cegadas e chegouse ao chan orixinal, cuberto de lápidas e antigos enterramentos. Nun deles, no altar maior, atopouse un enterramento dun home de grande altura, que conservaba un fino cabelo louro e calzado de coiro, moi ben conservado tamén, polo que se especula sobre a súa posible orixe normanda.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos