Coñece o teu patrimonio

Espazos Sonoros continúa a súa andaina con propostas que afondan no coñecemento e gozo do patrimonio e dos seus elementos en harmónica simbiose coa música.

Espazos vinculados á nosa cultura e historia, testemuñas do noso pasado industrial, etnolóxico, pacego e fortificacións militares defensivas transfontreirizas son, entre outras, os ingredientes básicos para unha proposta de lecer que complementará, unha edición máis, a oferta de programación musical.

Ruta pola ribeira do río Grande

Vimianzo (A Coruña)

Sábado 3 de setembro, 15.00 h

(Logo da rolda, ás 20.00 h, Le Miroir de Musique, Igrexa de Santiago de Cereixo, CONCERTO INAUGURAL)

 

Con motivo do concerto inaugural e para ir quentando motores para posteriores xornadas da programación, propoñemos unha primeira andaina pola fermosísima contorna da igrexa de Santiago de Cereixo, a carón do río Grande. A camiñada partirá da igrexa para continuar polo paseo fluvial cara Ponte do Porto e seguir ata Carantoña, por unha paraxe de grande interese natural e paisaxístico caracterizada polo bosque de ribeira e abundantes elementos de interese etnográfico como os muíños que se atopan á beira do río.

Ademais deteremos a nosa ollada na historia e nas características arquitectónicas de elementos como as torres de Cereixo, do século XVI, unha construción na súa orixe de carácter defensivo, levantada para protexerse contra os saqueos dos normandos, a igrexa románica de Santiago de Cereixo, que conserva a representación máis antiga en pedra da Translatio Beati Iacobi, ou un muíño de marea, do século XVII, que aproveitaba para o seu funcionamento tanto as augas que baixaban do río como a subida da marea na ría.

Hora e lugar de encontro: 15.00 h, na igrexa de Santiago de Cereixo, xunto ao carballo
Duración: 2 horas e media aprox.
Distancia: 8 km aprox.
Dificultade: baixa
Capacidade máxima: 60 persoas
Inscrición: do 20 ao 31 de agosto en actividades@espazossonoros.org
Non esquezas:
_Calzado cómodo para camiñar
_Unha botella de auga
_Unha gorra para o sol
_Un impermeable por se chove
_Chocolate e unha mazá
 

Roteiro fluvial de Ribadavia a Francelos

Ribadavia (Ourense) 

Sábado 10 de setembro, 15.00 

(Logo do roteiro, concerto de Tres Pesos, Museo Etonolóxico de Ribadavia, 19.00 h)

 

Ao noso paso pola comarca do Ribeiro, e como antesala do concerto que terá lugar no Museo Etnolóxico de Ribadavia, propoñemos unha ruta que sairá do propio museo para seguir o camiño á beira do río Avia. Camiñaremos río abaixo ata a foz do Avia, no punto no que o río conflúe co Miño, pasando polo Muíño da Raíña e as Ínsuas, ata chegar a Porto Corbeira, un peirao coñecido popularmente como A Barca, pois alí collíase tradicionalmente unha embarcación que permitía cruzar ao outro lado do Miño. Continuaremos camiñando entre viñas, pola beira do río, ata a pequena igrexa de San Xes de Francelos do século IX, para seguir cara á praza do Cruceiriño, no lugar de Francelos, e a rúa do Pouso, que leva ata unha ponte medieval do século XV. A andaina continúa, por un tramo do antigo Camiño Real que unía Ribadavia con Tui, Santiago e Pontevedra, ata a granxa vitivinícola de Outeiro, unha antiga explotación que data do século XII e que pertenceu aos monxes de Melón, a cal tivo unha actividade continuada, incluso logo da desamortización, ata mediados do século XX. Desde o alto da granxa deterémonos para contemplar o val de Valparaíso.

Trátase, no seu conxunto, dunha paraxe de gran riqueza etnolóxica, natural e paisaxística, na que se observa unha fonda pegada da man transformadora das persoas que ao longo dos séculos traballaron e fixeron produtivas estas terras. O camiño conduciranos finalmente ata o Pociño de Francelos, as pozas naturais que forma o río Brul, tamén coñecido como río Outeiro, ao seu paso pola aldea. E de volta a Ribadavia.

Hora e lugar de encontro: 15.00 h, diante do Museo Etnolóxico de Ribadavia
Duración: 2 horas e media aprox.
Distancia: 8 km
Dificultade: baixa
Capacidade máxima: 70 persoas
Inscrición: do 27 de agosto ao 7 de setembro en actividades@espazossonoros.org

Non esquezas:
_Calzado cómodo para camiñar
_Unha botella de auga
_Unha gorra para o sol
_Un impermeable por se chove
_Chocolate e unha mazá

Xornada no Baixo Miño: entre viñas e fortes

O Rosal e A Guarda (Pontevedra)

Domingo 11 de setembro, 11.30 h

(Logo da Xornadan, ás 19.30 h, concerto de César Prata e Ariel Ninas, no Castelo de Santa Cruz)

Nesta xornada achegarémonos aos confíns máis meridionais do país na desembocadura do Miño, fronteira natural entre Galicia e Portugal, nunha zona caracterizada por un microclima amable no que abondan, canda plantacións de kiwis ou mirabeis, plantacións de viñas produtoras dos apreciados viños do Rosal, que conviven con numerosas fortificacións militares transfronteirizas, xurdidas das guerras que enfrontaron a España e Portugal, e que configuran unha das arquitecturas militares máis interesantes do século XVII en Europa. A xornada permitirá un achegamento á cultura e á paisaxe vitivinícola dunha das subzonas da denominación de orixe Rías Baixas, a dos viños do Rosal, mediante un percorrido a pé de viña polas plantacións das adegas Terras Gauda para coñecer as características dos viños que se producen nesta zona, as variedades de uva e outras singularidades do proceso de elaboración do viño, coincidindo co momento de máximo esplendor da paisaxe, antes do comezo da vendima.

Pola tarde, desprazarémonos ata o castelo de Santa Cruz, unha fortificación abaluartada, situada na Guarda, de planta romboidal, da que se conservan tamén tramos de foso e que podemos coñecer en visita guiada nos seus aspectos tanto históricos, vinculados á Guerra de Restauración, como tipolóxicos, no contexto das fortalezas construídas na Idade Moderna entre os séculos XVI e XVII, sobre todo no Baixo Miño, prestando especial atención ás súas razóns e funcións defensivas.

A xornada rematará cun concerto de irmandamento entre as dúas marxes do Miño, cun programa musical no que se interpretarán cantares de cego de Galicia e Portugal, a cargo do portugués César Prata e o galego Ariel Ninas.

Programa da xornada:

11.30 h Encontro nas adegas Terras Gauda (O Rosal), xunto á caseta-tenda de madeira, percorrido guiado a pé de viña e degustación de viños na adega
14.30 h Comida (opcional, prezo 15 euros)
17.30 h Visita guiada polo castelo de Santa Cruz
19.30 h Concerto de César Prata e Ariel Ninas
Capacidade máxima: 60 persoas
Inscrición: do 27 de agosto ao 7 de setembro en actividades@espazossonoros.org

Non esquezas:
_Calzado cómodo para camiñar
_Unha gorra para o sol
_Un impermeable por se chove

Visita guiada á igrexa de Vilar de Donas

Palas de Rei (Lugo)

Domingo 18 de setembro, 17.30 h

(Logo da visita, ás 19.00 h, concerto de La Compagna, San Salvador de Vilar de Donas)

 

Nunha fin de semana na que visitaremos diferentes lugares emblemáticos do Camiño Francés de Santiago, teremos tamén a oportunidade de afondar no coñecemento dunha pequena xoia da arquitectura vinculada a esta ruta, a igrexa románica de Vilar de Donas, que foi, entre outras cousas, igrexa monacal pertencente á orde do Camiño de Santiago e que destaca tanto pola súa arquitectura como polas pinturas murais que decoran o presbiterio, cuxa profusa decoración e iconografía poderemos coñecer en detalle.

Hora: 17.30 h
Inscrición: non é precisa inscrición

Visita guiada ao castelo de Monterrei

Monterrei, Ourense

Sábado 24 de setembro, 16.30 h

(Logo da visita, ás 19.00 h, concerto de La Xácara na igrexa do castelo)

 

Para coñeceres este enclave estratéxico de orixe medieval, un dos recintos fortificados máis importantes de Galicia e defensa fronteiriza con Portugal, percorreremos en visita guiada as diferentes partes que compoñen o conxunto, o patio de armas, a igrexa de Santa María de Gracia, o pazo dos Condes, a torre das Damas, e a impresionante torre da Homenaxe, de 22 metros de altura, desde a que se poden contemplar unhas fermosas vistas da paisaxe sobre o val do río Támega.

Hora e lugar de encontro: 16.30 h, no patio de armas do castelo
Inscrición: non é precisa inscrición

Visita guiada polo pazo de Liñares

Lalín (Pontevedra)

Sábado 1 de outubro, 16.00 h

(Logo da visita, ás 17.00 h, Obradoiro de achegamento á música antiga)

 

Para as persoas participantes no obradoiro de achegamento á música antiga, está prevista, con anterioridade ao comezo da sesión, unha visita guiada polo pazo de Liñares, un espazo que representa un dos mellores expoñentes do que foi a arquitectura palaciana galega, non só polo que aínda se conserva da súa fisionomía, senón pola intensa vida social e tamén cultural que, dentro dos seus muros, se desenvolveu ao longo de séculos. Da man de guías expertos e dun gran coñecedor deste espazo, o investigador Francisco Rubia Alejos, saberemos da historia do pazo, da importancia que acadou ao longo da historia ata a súa decadencia e posterior ruína, e dos detalles da vida cotiá que alí se desenvolveu cando foi residencia de verán da familia dos Taboada.

A visita permitirá percorrer as diferentes dependencias do pazo, no que se atopa tamén o Museo da Marioneta de Lalín, así como os exteriores e xardíns.

Hora: 16.00 h
Inscrición: actividade exclusiva para as persoas participantes no obradoiro de achegamento á música antiga (non precisan inscrición á parte)

Visita guiada polo pazo de Mariñán

Bergondo (A Coruña)

Sábado 15 de outubro, 16.30 h

 
(Logo da visita, ás 19.00 h, concerto de Wilfried Rogl & Ensemble Rosarum Flores)

Como complemento ao concerto do tenor Wilfried Rogl e o Ensemble Rosarum Flores sobre as músicas arredor de Shakespeare, teremos oportunidade de visitar as instalacións do pazo de Mariñán e facer un percorrido guiado polas dependencias da parte antiga do edificio. Tamén poderemos gozar da colección artística do pazo pertencente á Deputación da Coruña, que inclúe obras de autores galegos desde o século XIX aos nosos días. O percorrido inclúe, ademais, en visita libre, un paseo polos diferentes elementos e espazos dos fermosísimos exteriores e xardíns nos que podemos atopar fontes, camelias, roseiras, buxos de complicadas xeometrías, glorietas, árbores exóticas (entre elas os primeiros eucaliptos que chegaron a Galicia da man de frei Rosendo Salvado), unha pequena fraga, ademais das espectaculares vistas sobre a ría de Betanzos.


Hora: 16.30 h (para as visitas ao interior organizaranse varias quendas)
Capacidade máxima: 70 persoas
Inscrición: do 1 ao 12 de outubro en actividades@espazossonoros.org

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos