Obradoiro de achegamento á música antiga

Unha cita coa música antiga e os seus instrumentos para coñecelos e gozalos: Retratos sonoros. O son da pintura

 

Sábado 1 de outubro, 17.00 h

Pazo de Liñares, Lalín (Pontevedra)
(Coñece o teu patrimonio: ás 16.00 h, visita guiada)

 

Benito Buíde
Nerea Casanova
Víctor Illán
Pablo Ruibal

Modera, Andrés Díaz


Algunha vez pensaches a que soa un cadro? Como soarían as escenas musicais que tantas veces vemos reproducidas nos libros ou contemplamos nos museos de todo o mundo? Que instrumentos son os que se reproducen, en que contexto se tocaban, en que espazos? Que contan eses cadros ademais do que percibimos pola vista? Ao longo da historia da arte atopamos múltiples representacións iconográficas de xentes facendo música. As miniaturas das cantigas, os anxos músicos da pintura flamenga do século XV, os consorts isabelinos da pintura inglesa do XVI, a magna sucesión de instrumentos dos gravados de Durero no Triunfo de Maximiliano... A pintura, a escultura, os códices iluminados ofrecen moitas imaxes para reconstruírmos un pasado musical e unhas sonoridades das que hoxe podemos gozar grazas ao labor artesanal e investigador de expertos en lutería de todo o mundo.

Desta volta, o noso obradoiro de achegamento á música antiga propón unha viaxe polas artes plásticas para rescatar os sons ocultos nelas e afondar, así, nas interconexións entre estas e a música, na comprensión do que se pode ver e escoitar dunha obra de arte. Co ton distendido habitual deste pequeno espazo para a difusión e o coñecemento da música antiga, indagaremos e reproduciremos, con música ao vivo, comentada e interpretada con instrumentos de época, escenas de obras pictóricas e outras representacións iconográficas, intentando adiviñar que sons e que músicas as inspiraron.

Capacidade máxima: 60 persoas

Inscrición: do 17 ao 28 de setembro en actividades@espazossonoros.org

Público: para todos os públicos, con ou sen coñecementos de música

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos