Roldas pola paisaxe organística galega

A paisaxe organística no Camiño Francés de Santiago

Sábado 17 de setembro, 10.45 h

(Logo da rolda, ás 17.30 h, concerto de Solo Voces e Adrián Regueiro na igrexa de Santa María a Real do Cebreiro, Pedrafita do Cebreiro, Lugo)


As roldas pola paisaxe organística galega proseguen a súa andaina, na súa quinta edición, para visitar os órganos que se atopan ao longo da primeira etapa do Camiño Francés á súa entrada en Galicia, desde O Cebreiro ata Sarria, pasando por Samos. Trátase dos órganos do convento da Magdalena de Sarria, da importante abadía de Samos e da igrexa de Santa María a Real do Cebreiro. Cada un deles é un espazo que hoxe ten diferente carácter e uso: convento mercedario e colexio o primeiro, mosteiro cisterciense o segundo, e santuario con categoría de parroquia, o terceiro. Porén, todos eles, conectados polo fío do Camiño de Santiago, teñen unha orixe máis ou menos similar como fundacións monásticas, un carácter que na actualidade só conserva realmente Samos. Tamén os tres tiveron desde a súa fundación unha clara vocación hospitalaria, que aínda hoxe preservan.


Por ese camiño polo que transitaron ao longo dos séculos tantas xentes, de seguro que pasaron tamén músicos, organistas e organeiros que traballaron nos órganos que ornamentaban as igrexas que ao longo do percorrido se foron levantando. Ademais dos tres espazos que imos visitar, nos que hoxe en día aínda podemos atopar un órgano, tamén sabemos que houbo órgano e organista en San Xoán de Portomarín, e aínda quedan a caixa, algún tubo e outros elementos dispersos do órgano da igrexa do Sancti Spiritus de Melide, que pertenceu no pasado aos Terciarios Franciscanos. Exceptuando o caso de Samos, non dispoñemos de moitos datos significativos sobre estes órganos do Camiño de Santiago, especialmente no de Sarria e no Cebreiro, aínda que no primeiro caso é máis que probable que na igrexa houbese xa un órgano desde séculos pasados. Cando os Mercedarios reocupan o convento dos Agostiños Calzados en 1896, obteñen a cesión dun órgano procedente do mosteiro de Poio, que é o que hoxe se preserva, aínda que sen uso. Pouco sabemos tamén sobre a posible presenza dun órgano no máis humilde, pero non menos importante, santuario do Cebreiro. Porén, e por virtude e desexo do que foi o seu párroco, Elías Valiña Sampedro, figura esencial na recuperación do Camiño e na restauración da propia igrexa, o santuario conta cun instrumento moderno, saído do taller do mestre organeiro Federico Acitores.

Caso moi diferente debeu de ser o da importantísima abadía de Samos, no que se constata a existencia dun órgano desde antes do Renacemento. Hoxe quédannos as dúas impresionantes caixas barrocas dos órganos xemelgos, realizadas entre 1729 e 1733, cando era abade Antonio Arias.

A visita a estes tres órganos, aínda que moi diferentes en canto á tipoloxía e datación, ofrece grande interese tanto pola entidade dos espazos que visitaremos ao longo do percorrido, como tamén polo feito de que ofrece unha visión diferente da paisaxe organística galega, que vai desde a etapa de maior esplendor da organeira ata a súa decadencia, logo da desaparición das capelas musicais, das sucesivas desamortizacións e do posterior abandono que sufriu este patrimonio ao longo de case dous séculos.

A xornada rematará, como é habitual, cun concerto, neste caso de órgano e conxunto vocal, na igrexa de Santa María do Cebreiro, a cargo do coro Solo Voces e do organista Adrián Regueiro.

Programa da visita:

10.45 h Xuntanza no mosteiro de Santa María Magdalena de Sarria. Charla contextualizadora da xornada e visita ao órgano
11.45 h Saída cara ao mosteiro de San Xulián de Samos
12.30 h Chegada a Samos, visita guiada polo mosteiro e visita guiada ao órgano
14.00 h Xantar libre
16.30 h Visita ao órgano do Cebreiro
17.30 h Concerto do coro Solo Voces e Adrián Regueiro

Capacidade máxima: 60 persoas
Lugar de encontro: mosteiro de Santa María Magdalena de Sarria
Inscrición: do 3 ao 14 de setembro en actividades@espazossonoros.org
Público: para todos os públicos

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos