Le Miroir de Musique

AU DIEU D’AMORS

NAS ORIXES DO AMOR CORTÉS

 

Tobie.jpg  Mathias.jpg  Baptiste_fiddle_july_2010_high_resolution_Ellen__Schmauss_copia.jpg

Mathias Spoerry, voz e percusións
Tobie Miller, frautas, zanfona e voz
Baptiste Romain, fídula, cornamusa e canto

 

Sábado 3 de setembro, 20.00 h

Igrexa de Santiago de Cereixo, Vimianzo (A Coruña)

CONCERTO INAUGURAL

(Coñece o teu patrimonio: ás 15.00 h, ruta pola ribeira do río Grande)

 

Baixo este suxestivo título, o programa fai un percorrido polas diferentes sonoridades vocais e instrumentais que se desenvolveron en Francia entre os séculos XII e XIV e trata de ilustrar musicalmente a metamorfose que, neste período, se produciu con respecto á  concepción do amor humano. Para iso, o repertorio escollido toma como punto de partida a obra dos trobadores, poetas-músicos orixinarios do sur de Francia, inventores dun novo tipo de lírica profana que axudaría a codificar as normas do denominado amor cortés. A partir de aí, o programa vai desvelando a posterior evolución do talento creativo arredor dos tópicos do amor cortés, na obra dos chamados trobeiros, que exerceron no norte de Francia, ata chegar ao último dos seus representantes, Guillaume de Machaut, unha das personalidades máis destacadas do mundo artístico europeo do século XIV.

Le Miroir de Musique é un grupo especializado na interpretación de música medieval e de comezos do Renacemento, desde a idade dourada dos trobadores ata o humanismo do século XVI. Dirixido por Baptiste Romain, o conxunto ten a súa sede en Basilea e nel conflúen algúns dos máis prolíficos e virtuosos intérpretes da última xeración de músicos graduados na Schola Cantorum, un dos máis reputados centros de estudo e investigación da música antiga. Le Miroir de Musique toma o seu nome da obra do tratadista Jacques de Liège, Speculum Musicae, co que simboliza o seu obxectivo de interpretar estes repertorios con absoluta fidelidade ás fontes orixinais, coma se dun espello se tratase, combinando unha gran riqueza de sonoridades e un elevado nivel de virtuosismo na interpretación vocal e instrumental.

 

miroirdemusique.com

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos