VIENTO DE PLATA

PAISAXES ARREDOR DA FIGURA DE ROSA GARCÍA ASCOT

 

PAULA_RIOS.jpg

 

Paula Ríos, piano

 

Martes 18 de outubro, 20.00 h

Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario (A Coruña)

Paisaxes arredor da figura de Rosa García Ascot

 

“El lirio, la sonrisa velada y la mano delgada. Cúpula amarilla y viento de plata” (En el cumpleaños de R. G. A. “Corona poética o pulsera de flor”, Federico García Lorca, 1898-1936)

Rosa García Ascot foi pianista e compositora e a única muller integrante do Grupo dos Oito, o equivalente musical da Xeración do 27. Muller de talento desbordante, foi alumna de mestres como Falla, Granados, Turina e Boulanger, pero a súa figura quedou eclipsada tanto pola súa vinculación ao que foi o seu home, o compositor, investigador e activista cultural galego, Jesús Bal y Gay, como polos acontecementos históricos que lle tocou vivir no momento de despunte da súa carreira, a Guerra Civil e o posterior exilio en México, que a levaron ao escurecemento e a privaron de ser un referente fundamental da interpretación pianística de vangarda. Ela, canda o seu home, viviu tanto en España como no exilio unha intensa vida intelectual, e cultivou amizades como Lorca ou Stravinsky. Defendeu sempre o compromiso social canda unha declarada vocación de modernidade.

A pianista Paula Ríos, movida pola intención de recuperar a vixencia e importancia do traballo de Rosa García Ascot, acaba de gravar, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, toda a obra para piano da compositora dispoñible na actualidade, onda a obra completa de Bal y Gay para piano e piano e canto. As pezas do disco recollen partituras manuscritas sen publicar que se atopaban no Centro de Documentación da Residencia de Estudiantes de Madrid, e case todas son primeiras gravacións. O título do disco Viento de Plata é un verso dun poema que Lorca escribiu para a súa grande amiga Rosa polo seu aniversario. A sesión de clausura do festival estará, logo, dedicada á figura desta singular muller e nela interpretaranse algunhas das obras recuperadas neste excelente traballo discográfico, ao tempo que se contextualizará a compositora no seu tempo, nas vangardas e na Xeración do 27, rememorando o seu paso pola Residencia de Estudiantes e o posterior exilio, un exilio que levou por diante e disgregou a toda unha xeración da chamada Idade de Prata. Unha sesión de clausura dedicada ao recoñecemento do talento da compositora, pianista e muller, e dunha figura esquecida e silenciada, como a de tantas outras mulleres que deixaron a súa pegada invisible ao longo da historia.

paularios.net


2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos