BEATI OMNES QUI TIMENT

CONCERTO DE ÓRGANO E CONXUNTO VOCAL

 

Adrian_Regueiro.jpg

 

Solo Voces
Dir. Fernando G. Jácome

Adrián Regueiro, órgano

Como remate á xornada de rolda pola paisaxe organística polo Camiño de Santiago, agárdanos, na igrexa de Santa María do Cebreiro, a escoita dun concerto a cargo de Solo Voces, unha das formacións vocais máis consolidadas do panorama musical galego acompañada do organista Adrián Regueiro. Fundado en 1992, Solo Voces leva traballado, ao longo de todos estes anos, diversos ámbitos do repertorio coral, desde música popular e tradicional ata música clásica de diversas épocas e estilos, desde o gregoriano ata a música de autores contemporáneos, poñendo especial énfase na obra de autores galegos. Adrián Regueiro é pianista e organista e ten ofrecido xa, malia a súa idade, numerosos concertos de órgano en diversos instrumentos de Galicia e Portugal, unha faceta, a de concertista, que compaxina coa de organista da catedral de Santiago.

Para a ocasión preséntase un programa variado, co aliciente da estrea dun himno de vésperas, Beati omnes qui timent Dominum, que lle dá título ao programa, e un magníficat, extraídos de dous cantorais polifónicos da catedral de Lugo, transcritos e recuperados para a ocasión polo músico e investigador Andrés Díaz Pazos. Canda estas dúas estreas serán interpretadas outras pezas instrumentais para órgano solista, algunha outra do repertorio histórico dos arquivos das catedrais galegas e outras obras da polifonía renacentista ibérica.


www.solovoces.com

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos