Wilfried Rogl & Ensemble Rosarum Flores

QUE NON MURCHE A ROSA DA BELEZA

MÚSICA VOCAL E INSTRUMENTAL INGLESA NO TEMPO DE WILLIAM SHAKESPEARE

 

Rosarum_Flores.jpg


Wilfried Rogl, tenor
Ilse Strauß, frautas de bico
Wolfgang Praxmarer, cistro e arquilaúde
Anxo Quintela, recitado

 

Sábado 15 de outubro, 19.00 h

Pazo de Mariñán, Bergondo (A Coruña)

(Coñece o teu patrimonio: ás 16.30 h, visita guiada)

 

“That thereby beautie's rose might never die...” (Do Soneto 1 de William Shakespeare, 1564-1616)

No catrocentos aniversario da morte de William Shakespeare, o tenor Wilfried Rogl canda o conxunto austríaco Rosarum Flores recrean o contexto musical no que viviu e traballou este prolífico autor, cuxa obra, sobre todo a teatral, estivo tan estreitamente vinculada á música. O programa presenta unha escolla de música para laúde, composta arredor de 1600, de autores coetáneos do escritor, como John Dowland, Thomas Morley, Robert Johnson ou Jakob van Eyck, que musicaron coas súas composicións textos de Shakespeare. No decurso do concerto recitarase, ademais, na personalísima voz de Anxo Quintela, unha escolma de sonetos para achegar os ouvintes non só á beleza dos sons das músicas inglesas do tránsito ao barroco, senón tamén da obra do autor homenaxeado.

Rosarum Flores é unha formación austríaca composta por experimentados e virtuosos músicos dedicada á interpretación de música antiga, especificamente de programas que establecen interconexións entre acontecementos, temas ou personaxes históricos e a música que se facía en cada época. Cunha intensa actividade concertística en países como Austria, Italia, Alemaña e España, o grupo colabora habitualmente con músicos do nivel de Bernd Fröhlich, solista de Las Huelgas Ensemble, ou a frautista Linde Brunmayr-Tuzt, entre outros destacados nomes, e con institucións como Landes Museum Ferdinandeum e as Festwochen de Innsbruck, en Austria, ou o mosteiro de Marienberg, no norte de Italia. Nesta ocasión, a formación conta coa colaboración do tenor austríaco Willfried Rogl, un músico que, malia a súa xuventude, posúe unha notable traxectoria no mundo da lírica e que ten colaborado con dirixentes como René Jacobs e formacións como a Akademie für alte Musik Berlin ou a Capella de la Torre e participado en diversas producións operísticas.

rosarumflores.at

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos