Castelo de Pambre, Palas de Rei (Lugo)

Domingo 17 de setembro, 19.00 h

Samuel Diz
(Coñece o teu patrimonio: ás 17.30 h, visita guiada)

 

Nas fermosas terras da comarca da Ulloa, ao norte da parroquia de Pambre, no lugar da Torre, atópase esta edificación medieval coñecida como castelo de Pambre. Situada sobre penedos á beira do río que leva o mesmo nome e que fan as funcións de defensa natural, esta construción é unha fortaleza militar erixida a finais do século XIV por don Gonzalo Ozores de Ulloa. Accédese a ela por un arco que mostra precisamente o escudo de armas dos Ulloa. Dentro do seu recinto, presidido por unha gran torre de homenaxe de estilo normando e rodeada por outras catro nos ángulos da muralla, aínda podemos atopar unha gran casa, un hórreo sostido por cinco piares e unha capela, construída no século XII en estilo románico e que serviu como igrexa parroquial baixo a advocación de san Pedro.

O castelo de Pambre, que é das poucas fortalezas galegas que sobreviviron ao trebón das guerras irmandiñas, daba agocho aos peregrinos que ían cara a Santiago de Compostela. Así mesmo, foi escenario de importantes e convulsos acontecementos históricos; primeiro, os das loitas dinásticas entre Pedro I e Henrique de Trastámara e, máis tarde, os das disputas entre don Alonso de Fonseca, arcebispo de Santiago, e a nobreza. En 1484, pasou a mans dos condes de Monterrei e, co tempo e coa decadencia do Camiño de Santiago, acabou convertido en núcleo de produción agropecuaria, tal e o como confirma un documento de aforamento a perpetuidade á familia Moreiras do ano 1702, que describe o estado de ruína da construción principal. Xa no século século XX, a propiedade pasa a Manuel Taboada Fernández, conde de Borraxeiros, que a pecha e afunde nun completo abandono. 

O castelo de Pambre serviu tamén como materia literaria da célebre novela histórica do mesmo nome que, en 1895, escribiu Antonio López Ferreiro, escritor, historiador e cóengo da catedral de Santiago. Nesta obra, o seu autor entrelaza os feitos históricos do conflito nobiliario entre Gonzalo Ozores de Ulloa e outros nobres, partidarios da casa de Trastámara, cunha historia de contido amoroso.

En 2012, a Xunta de Galicia adquiriu a propiedade do castelo e dos terreos adxacentes e comezou a rehabilitación do espazo. As intervencións incluíron excavacións arqueolóxicas, a recuperación das estruturas murais, a mellora do acceso ás principais zonas da fortificación, a reconstrucción do hórreo e a incorporación de elementos de seguridade para a visita. Tamén se dotou o edificio dun centro de interpretación e dun circuíto sinalizado que facilita a comprensión do inmoble.  

 

 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos