Os fornos da Pontenova, A Pontenova (Lugo)

Sábado 23 de setembro, 19.00 h

Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero
(Coñece o teu patrimonio: ás 12.00 h, ruta do antigo ferrocarril) 

 

Cara ás terras da chamada Galicia irredenta, no límite do nordeste da provincia de Lugo, atópase o concello da Pontenova. O lugar, situado nun espazo de vizosos vales pertencentes á reserva da biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón, está bañado polos ríos Eo, Turia, Bogo e Riotorto, e é precisamente esa riqueza fluvial a que fai que A Pontenova estea tan directamente vinculada á cultura da pesca e aos diversos usos industriais da auga. Mais hai outro elemento que está no cerne mesmo da historia económica e cultural deste concello: o mineral de ferro. De feito, sabemos que, xa na Alta Idade Media, se produciu o desenvolvemento dunha industria mineira na zona, pois os monxes que se estableceron alí precisaban do ferro para a construción dos seus mosteiros.Outra evidencia deste pasado de florecemento mineiro e industrial son os chamados fornos da Pontenova. En 1895, o industrial vasco Julio Lazúrtegui crea en Bilbao a Sociedad Minera de Vilaodriz, coa finalidade da explotar o mineral dese concello lucense. A extracción do ferro facíase en galerías polo interior das montañas a 90 metros de profundidade. Posteriormente, procesábase para extraer del o óxido férrico, para o que era preciso un proceso de calcinación que permitía eliminar os residuos fosfóricos do ferro e empregalos como fertilizantes, un proceso no que se empregaban unhas chemineas troncocónicas de 11 metros de altura e 4 de ancho. O primeiro forno da Pontenova, construído con tixolos da Real Fábrica de Sargadelos, data do ano 1902. A este seguíronlle outros en anos sucesivos, ata completar un total de cinco.

Para o transporte do mineral construíuse en 1902 un ferrocarril de vía estreita que unía as minas co porto de Ribadeo e que, pouco tempo despois, ampliaría o seu servizo tamén ao transporte público de viaxeiros. Cara a finais dese mesmo ano, extraíanse xa unhas dúas mil toneladas de ferro, e iníciase a comercialización deste con Alemaña, Francia, Bélxica e Inglaterra. Co estoupido da I Guerra Mundial, o mercado alemán péchase e o inglés presenta igualmente problemas, o que obrigaría a paralizar os labores nas minas. Posteriormente, volveu extraerse mineral, pero xa non se acadaría a produción de anos anteriores. Durante a Guerra Civil, a mina funcionou á metade das súas capacidades, ata que os fornos deixaron de funcionar por falta de carbón. En 1938, o grupo alemán Krupp-Montana ocuparíase da explotación das minas e do ferrocarril. A actividade proseguiu ata a década dos cincuenta e o ferrocarril deixou de funcionar no ano 1964. No entanto, os cinco fornos de calcinación permanecen aínda en pé, como testemuño vivo dun pasado de desenvolvemento económico, unha pequena revolución industrial na que chegaron a participar na altura máis de 1000 mineiros.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos