Liceo de Ourense (Ourense)

Mércores 11 de outubro, 20.30 h

Alejo Amoedo e Susana de Lorenzo
(Coñece o teu patrimonio: ás 19.00 h, visita guiada polo Arquivo Provincial)

 

O edificio, situado no centro histórico da cidade das Burgas, na rúa Lamas Carvajal, a escasos pasos da praza de Santa Eufemia, ocupa o predio do que foi pazo dos Oca Valladares. A construción do pazo comezouse, por encargo de Álvaro de Oca y Deza, en 1522 e a súa feitura correspóndese cun estilo gótico-renacentista. A fachada remataríase en 1583 e, nela, pódense contemplar os brasóns da familia fundadora arredor do balcón central. O edificio sufriu reformas posteriores, como a que deu lugar ao Patio de Columnas de 1884, con oito pinturas murais de corte romanticista e costumista. No século XIX, o pazo foi abandonado e recuperouse para a cidade ao trasladar alí o Liceo Recreo de Artesáns de Ourense, en 1850. Desta institución foron socios persoeiros da altura de Lamas Carvajal e Curros Enríquez e, no seu salón de festas, tocou Isaac Albéniz en 1874. 

O edificio foi declarado ben de interese cultural en 2002 e a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia realizou nel unha serie de intervencións de rehabilitación e restauración, tanto do Patio de Columnas coma do Salón Nobre, a última delas rematada en 2012. Nesta intervención, e co obxecto de acondicionar e de pór en valor estes dous espazos, restauráronse as carpinterías, fixéronse traballos de pintura e vernizado, recuperouse o zócolo de madeira existente, axeitouse o falso teito, substituíronse as carpinterías de acceso á terraza e acondicionouse o escenario no que hoxe terá lugar o concerto.

liceodeourense.com

 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos