Mosteiro de Montederramo, Montederramo (Ourense)

Sábado 16 de setembro, 19.00 h

Xavier Díaz-Latorre
(Coñece o teu patrimonio: ás 12.30 h, ruta do Bidueiral de Gabín)

 

A harmoniosa paisaxe de bocarribeiras e socalcos que nos ofrece a Ribeira Sacra ourensá desprega un mapa único de mosteiros que, desde a Alta Idade Media, foron agromando naquelas terras, ao longo das beiras dos seus ríos. Entre eles, hai que salientar o mosteiro de Santa María de Montederramo, situado cabo da serra de San Mamede e ao pé do río Mao. 

A orixe do mosteiro é algo confusa. Algunhas fontes afirman que se remonta a unha construción do século X situada noutro lugar, concretamente un mosteiro adscrito á orde bieita, nomeado nalgunhas noticias como mosteiro de San Xoán Vello. No entanto, moitos autores non lles dan credibilidade ás referidas fontes e apuntan como primeira referencia histórica fidedigna unha de 1142, cando o rei Afonso VII lle pide a san Bernardo que lle envíe monxes para implantar a reforma do Císter en varios mosteiros de Ourense, entre eles, o de Montederramo, cuxas obras rematarían cara ao ano 1163. A partir de aí, e durante todo o século XIII, o mosteiro beneficiouse dunha cumprida serie de doazóns e privilexios concedidos pola monarquía. En 1587, despois de unirse á congregación cisterciense de Castela, foi instalado no mosteiro un importante centro de estudos artísticos e filosóficos, e este esplendor permitiulle levar adiante significativas obras de mellora, como a nova igrexa. A desamortización exclaustrou os monxes e o mosteiro pasou a ser propiedade privada dalgúns veciños. Porén, co tempo, o conxunto avanzou de maneira irremediable cara a unha situación ruinosa.

O conxunto do mosteiro de Santa María de Montederramo é un dos principais representantes do estilo renacentista en Galicia. As súas dependencias conservan dous fermosos claustros, o da Portería ou Hospedería, plenamente renacentista, e o máis antigo, o Procesional, que combina elementos tardogóticos con outros de estilo manuelino portugués e renacentista. En canto á igrexa, a orixinal tardorrománica do século XII foi completamente substituída por outra en 1598, segundo o proxecto de Juan de Tolosa, nun estilo que lembra o herreriano. Destacan nela unha serie de valiosos retablos, un espléndido cadeirado barroco no coro alto e unha monumental escaleira abacial, así como a sancristía. Ata hai pouco, o edificio albergou un centro de educación primaria que hoxe en día pertence ao Concello. A parte de titularidade privada rehabilitouse para vivenda e tamén se lle dá un uso hostaleiro. 

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia promoveu a redacción do plan director do conxunto (igrexa e mosteiro), concluído este ano, que describe o estado de conservación actual do ben e define as liñas de actuación de cara ao futuro para a súa conservación e desenvolvemento sustentable, de xeito compatible cos seus valores culturais e de identidade. Ao abeiro desta planificación, executáronse en 2016 unha serie de actuacións consideradas urxentes, como a instalación de liñas de vida nas cubertas para garantir os traballos de mantemento con seguridade, a incorporación de dúas escaleiras metálicas exteriores para o acceso ás cubertas da igrexa e ao ciborio, a eliminación de vexetación nos muros e cubertas, a consolidación dos beirados e  a incorporación de placas de fibrocemento baixo a tella, a impermeabilización de cumios e limas, así como da fábrica de pedra da cupuliña, do canlón perimétrico e dos encontros da cuberta do ciborio.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos