San Salvador de Lourenzá, Lourenzá (Lugo)

Sábado 7 de outubro, 17.30 h

Estrea de Parábase, de Pablo Seoane
(Coñece o teu patrimonio: ás 10.45 h, rolda pola paisaxe organística galega)

 

O mosteiro de Vilanova de Lourenzá probablemente teña as súas raíces, coma tantos outros en Galicia, na vida cenobítica das últimas centurias do primeiro milenio. As primeiras noticias documentais remóntanse á carta fundacional do ano 969, feita polo conde Osorio Gutiérrez, quen recibira de seu pai en herdanza importantes posesións no bispado de Mondoñedo, que cedeu ao mosteiro. O documento fundacional é moi similar ao que san Rosendo outorgara en Celanova, que se pode deber ao feito de que este e Osorio Gutiérrez eran curmáns. O mosteiro adscribiuse á regra de San Bieito e o propio conde, tras enviuvar, ingresará nel; xa ancián, viaxará a Terra Santa de onde, di a tradición, traerá o seu propio sepulcro de mármore, que aínda se conserva na capela da Nosa Señora de Valdeflores co nome de sarcófago do Conde Santo, e hai que dicir que constitúe unha das máis prezadas pezas do mosteiro. Sobre este sarcófago existe unha lenda similar á de Santiago, que di que o conde o depositou no mar e que volveu nel ata as costas de Galicia. Por esta razón, desenvolveríase ao seu redor unha tradición protectora e de peregrinación. Debido á xenerosa dotación deixada polo Conde Santo, o mosteiro tivo numerosos preitos cos seus descendentes, que reclamaban parte da herdanza. Por este motivo, a súa historia durante a Idade Media foi bastante revolta; de feito, producíronse intervencións ás veces drásticas dos poderosos da zona. E foi notable a de Rui Gómez Bolaño, que mesmo entrou con xente armada no mosteiro e destruíu parte da súa documentación para que non puidesen reclamar os bens que lle usurpara.

Coa súa entrada na congregación bieita de Valladolid, en 1505, a vida normalizouse en Lourenzá, e converteuse no maior mosteiro do norte de Galicia. Convén salientar que no ano 1518 incorporou como priorado o mosteiro de San Martiño de Xubia, no fondo da ría de Ferrol. A partir do século XVII, comezan as obras arquitectónicas que lle confiren ao mosteiro a súa fisionomía actual. Juan de Villanueva construirá, entre 1637 e 1650, o claustro maior e a nova igrexa iníciase en 1735, de acordo co deseño dun monxe de Samos, Juan Vázquez, que despois modificará Fernando de Casas y Novoa. Este arquitecto é o responsable do deseño da fachada, que se considera un ensaio do que logo será a fachada do Obradoiro da catedral compostelá. O retablo maior da igrexa é traza do académico Ventura Rodríguez, en estilo neoclásico, que remata o pintor Juan Bernardo del Río en 1789.

O mosteiro quedou abandonado despois da desamortización de 1835. Sufriu, amais do desmantelamento da súa biblioteca, un incendio en 1878 que afectou o claustro principal. No ano 1910, unha comunidade de monxes de Samos fundou nel un priorado independente e restauraron a parte que fora queimada. Coa supresión deste tipo de priorados, en 1942 o mosteiro quedou de novo abandonado e pasou a depender do bispado de Mondoñedo, que instalou un seminario menor ata 1970. 

Na actualidade, parte do claustro é ocupado polas dependencias do concello de Lourenzá. A igrexa garda dous impresionantes órganos barrocos en caixas xemelgas, construídos entre 1762 e 1765, e que se atopan no seu estado orixinal. Un deles, o pequeno, que nunca foi electrificado, conserva a práctica totalidade do material orixinal no seu interior. O outro, a pesar do inexorable paso do tempo, aínda é quen de amosar o seu nobre e impresionante son.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos