Santa María de Godos, Caldas de Reis (Pontevedra)

Sábado 30 de setembro, 20.00 h

Manseliña
(Coñece o teu patrimonio: ás 17.00 h, visita ao obradoiro de campás Ocampo )

 

A igrexa de Santa María de Godos é unha pequena igrexa barroca situada no municipio de Caldas de Reis, nun pequeno promontorio sobre un fermoso val regado polo río Umia. Trátase dunha zona fortemente humanizada desde hai séculos, como indica a presenza de abondosos restos arqueolóxicos de orixe castrexa. Por outra banda, non hai que esquecer a importancia estratéxica que tivo este enclave nas primeiras décadas da nosa era, na que os romanos construíron a mansio de Aqvis Celenis, na Vía XIX, que unía a actual Braga con Astorga. Ao pé da igrexa parroquial, transcorría en tempos a liña de ferrocarril que unía Carril con Pontevedra, hoxe desmantelada, pero da que aínda se conserva a traza. O toponímico “Godos” parece ser de procedencia xermánica, en clara alusión á presenza dos suevos na zona.

Aínda que a orixe da igrexa parroquial non a coñecemos con detalle, boa parte do seu actual aspecto débese a unha intervención feita no ano 1715. Daquela, a dona do curato, dona Xoana de Ulla e Lemos, como patrona responsable da igrexa, decide ampliala e constrúe de novo a capela maior e o coro, despois de solicitar permiso ao provisor do arcebispado de Santiago, quen lle aseguraría que “en ello el cura ni otra persona alguna no le ponga embarazo ni ympedimento alguno”. O adxudicatario da obra, en poxa pública á baixa, foi Carlos da Riva, natural de San Salvador de Xirazga, concello de Beariz, en Terra de Montes. Comprometeuse a facer a obra en 14.500 reais e rematala, segundo indicara o provisor, para setembro de 1715. En decembro dese mesmo ano estaba rematada, o que sabemos por unha carta asinada por Carlos da Riva, na que se daba por satisfeito dos pagos convidos con Xoana de Ulla, incluído o extra de 150 reais "prozedidos de el letrero o rotulo que de su horden a puesto y auierto en dicha Capilla mayor en donde se esplica quien la mando hazer”. 

A igrexa, de planta sinxela, dunha soa nave cunha capela lateral, é unha boa mostra do oficio e excelente facer dos canteiros galegos. Posúe un fermoso campanario barroco, que debeu ser engadido con posterioridade, do que penduran dúas campás fabricadas no taller de fundición da familia Ocampo, de Arcos da Condesa, o único desta natureza existente en Galicia e que desde o século XVII vén exercendo ininterrompidamente de maneira artesanal este oficio. Na igrexa de Santa María de Godos, aínda se practican diferentes toques de campás para avisar as xentes dos diversos acontecementos na parroquia ou para chamar á misa. 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos