Igrexa de Santa María de Mezonzo, Vilasantar, A Coruña

Sábado 2 de setembro, 20.00 h

Marco e Angela Ambrosini e Eva-Maria Rusche
(Coñece o teu patrimonio: ás 11.00 h, Xornada en Vilasantar)

 

A actual igrexa parroquial de Santa María de Mezonzo é o resto que nos queda dun antigo mosteiro que había no lugar. Data do século XII e substituíu unha máis antiga, xa que as noticias da existencia deste mosteiro son moi anteriores. É probable que as súas raíces afonden ata o século VII, durante a época visigoda, atendendo a algúns capiteis desa época aproveitados na fachada e na pía de auga bendita. As primeiras noticias documentais del, xa no século IX, infórmannos de que se trataba dun mosteiro dúplice familiar. Neste tipo de cenobios, que abundaron na Península Ibérica, convivían baixo unha mesma regra, e baixo o mando unificado dun abade, mulleres e homes que, ademais, tiñan vínculos familiares entre eles. Tratábase normalmente de familias das clases altas da zona que doaban parte dos seus bens para que a congregación puidese iniciar a vida monacal. No ano 870, o rei Afonso III dóallo ao abade Reterico, xunto coa vila de Mezonzo e, no ano 871, o sobriño deste, Fulgaredo, herdou o mosteiro familiar. O cargo de abade no mosteiro foi pasando de tíos a sobriños, dado o seu carácter familiar, ata o 30 de marzo do ano 955, data na que pasa ao bispo compostelán Sisnando. Este fundará o próximo mosteiro de Sobrado o 30 de decembro, e entre os seus bens estará Santa María de Mezonzo. Nos seguintes séculos, debeu de seguir dependendo como priorado do mosteiro de Sobrado, aínda que non se sabe se había alí aínda unha comunidade monástica independente. De feito, as relacións con Sobrado durante o último tramo da Idade Media non están moi claras, pois no ano 1517 aparece como un priorado de San Martiño Pinario.

A igrexa é un bonito exemplo do Románico, con tres naves rematadas en tres ábsidas semicirculares. En parte, quedou sen finalizar e, nas naves laterais, pódense apreciar os arranques dunhas bóvedas que quedaron sen facer. A cabeceira, pola parte exterior, é do máis interesante do templo, xa que ten unha decoración bastante rica; así, as ventás da ábsida central e as dúas laterais teñen columniñas decoradas e enmarcadas por un motivo axadrezado. No interior, as columnas da igrexa son relativamente simples e os capiteis teñen follas estilizadas. Non hai figuras, salvo nun capitel situado entre a capela maior e a capela sur, na que se poden ver uns leóns. Sen dúbida, o máis famoso monxe do mosteiro foi o abade e bispo San Pedro de Mezonzo, a quen se lle atribúe o himno da Salve, que viviu alí entre os anos 948 e 958, e logo pasou a Sobrado, onde exercería como abade.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos