Santa Mariña de Sela, Arbo (Pontevedra)

Sábado 9 de setembro, 20.00 h

Favola d'Argo
(Coñece o teu patrimonio: ás 15.00 h, ruta pola contorna de Santa María de Sela)

 

A igrexa de Santa Mariña, na parroquia de Sela, pertencente ao concello de Arbo, é unha pequena igrexa barroca que goza dunha situación privilexiada á beira do río Miño. Os tres ríos que bañan a vila —o Deva, o Cea e o Miño— achegan un microclima amable que favorece o cultivo da vide e a produción de viños da subzona da denominación de orixe Rías Baixas chamada Condado do Tea. Na mesma parroquia, preto da praia fluvial, atópase unha fonte de augas mineiro-medicinais que foi explotada comercialmente a principios do século XX. As augas foron analizadas daquela polo catedrático de medicina compostelán, Miguel Gil Casares, neto do que fora catedrático de Química e reitor, Antonio Casares, un dos introdutores das modernas técnicas espectroscópicas na análise das augas medicinais no Estado. Nesa mesma zona, podemos atopar tamén unhas pesqueiras para a captura da lamprea, unha especie apreciada xa polos romanos e aínda de moita sona en Arbo.

A igrexa parroquial, como indica unha inscrición que se estende polas paredes laterais, foi construída por encargo do abade Baltasar de Puga e Novoa a finais do século XVII: “ESTA CAPILLA CORO SACRISTIA ICO A SU COTA D. ALTHASAR DE PUGA I NOBOA ABD ANO 1683”. Nela, destacan as pinturas murais que cobren a totalidade da bóveda de canón a partir da cornixa de pedra que rodea o presbiterio. Estas representan, en 15 escenas, o ciclo da Paixón de Xesús Cristo característico do século XVIII e o estilo das pinturas pódese considerar popular. As distintas escenas distribúense en tres rúas: unha central con tres escenas, a Santa Cea, a Oración no Horto e o Bico de Xudas; e dúas laterais que desenvolven, cada unha, seis escenas relativas ao Calvario, á Paixón e á Resurrección. Aparece aquí tamén o escudo dos Puga e Novoa, promotores da igrexa, heráldica que se repite no Pazo Casa Grande de Sela, situado a carón da igrexa. Non se teñen datos sobre o autor destas pinturas, que podería ser un artista de orixe portuguesa.

As pinturas foron recentemente restauradas grazas a unha iniciativa popular dos veciños e veciñas da parroquia, que foi apoiada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

pinturasmuralesdesela.webnode.es

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos