Mosteiro de Sobrado dos Monxes, Sobrado (A Coruña)

Domingo 3 de setembro, 16.30 h

Obradoiro de achegamento á música antiga
(Coñece o teu patrimonio: ás 15.30 h, visita guiada)

 

Na terra de Melide, no extremo oriental da provincia da Coruña, sitúase un dos mosteiros máis impoñentes e relevantes de Galicia, o mosteiro cisterciense de Santa María de Sobrado, máis popularmente coñecido como Sobrado dos Monxes. Foi fundado como mosteiro dúplice, de monxes e monxas, probablemente no ano 952, polos condes de Présaras e aparece en documentos do século X, baixo a advocación de san Salvador. No entanto, a continuación, sufriría un longo período de abandono duns cento cincuenta anos, ata a súa refundación en 1142, cando san Bernardo envía desde Claraval, en Francia, unha comunidade de monxes. Ao longo dos séculos XII e XIII, o mosteiro coñecerá unha nova época de esplendor, pero logo virá outra etapa de decadencia, que se alongaría ata o 1498, data na que o mosteiro é incorporado á congregación de San Bernardo de Castela da orde do Císter. A maior parte da construción do edificio que chegou ata os nosos días procede dese tempo de florecemento. Así, por exemplo, a súa magnífica igrexa foi rematada cara a finais do século XVII e consagrada en 1708. 

E, proseguindo coa súa historia de marcados contrastes, Sobrado padecerá unha nova etapa de fonda decadencia que chega ao seu momento máis crítico en 1834 cando, pola desamortización, o mosteiro é suprimido por orde real. Os seus edificios son vendidos e a degradación paulatina do conxunto leva o mosteiro a un estado de auténtica ruína, ata que en 1854 é rehabilitado por encargo do cardeal Quiroga Palacios. En 1966, envíase ata alí unha nova comunidade de monxes, o que supón o reinicio da vida do Císter. 

A fachada do mosteiro, flanqueada por dúas torres, é de estilo barroco. Ao conxunto accédese por medio dunha porta. Sobre o seu lintel preséntase unha fornela cunha imaxe da Virxe, abeirada por un dobre par de columnas salomónicas. Do antigo cenobio só se conservan a sala capitular, a capela funeraria da Magdalena e outros elementos soltos. O complexo monacal acolle, ademais da fermosa igrexa barroca xa citada, de cruz latina con brazo maior e tres naves, e das dependencias monacais, tres magníficos claustros: o de entrada ou dos Peregrinos, o procesional ou dos Medallóns e o da comunidade, o maior de todos. Á sala capitular, onde terá lugar o obradoiro de achegamento á música antiga, accédese desde o claustro procesional a través dunha estrutura de estilo románico e cuxa estancia dispón dunha fermosa bóveda de crucería.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos