Coñece o teu patrimonio

Espazos Sonoros continúa a súa andaina con propostas que afondan no coñecemento e gozo do patrimonio e dos seus elementos en harmónica simbiose coa música.

Espazos vinculados á nosa cultura e historia, testemuñas do noso pasado industrial, etnolóxico, pacego e fortificacións militares defensivas transfontreirizas son, entre outras, os ingredientes básicos para unha proposta de lecer que complementará, unha edición máis, a oferta de programación musical.

Xornada en Vilasantar: Ruta dos Muíños do río Gándaras e obradoiros de agricultura ecolóxica

Vilasantar (A Coruña)

Sábado 2 de setembro, 11.00 h
(Ás 20.00 h, Marco e Angela Ambrosini e Eva-Maria Rusche, Igrexa de Santa María de Mezonzo, CONCERTO INAUGURAL)

 

A xornada comezará pola mañá cun percorrido circular pola Ruta dos Muíños. A ruta comeza na Ponte do Sapo, á que chegaremos a pé, logo de vir camiñando desde a igrexa de Santa María de Mezonzo. Desde aí seguiremos o curso do río Cabalar, un afluente do Tambre, e pasaremos a carón do muíño da Ponte do Sapo, da que aínda se conserva unha casa vivenda e un serradoiro que era unha fábrica de paus para os zocos. Continuaremos polo camiño ata o punto onde conflúen as augas do río Cabalar coas do Tambre, pegados á canle que conduce ata unha minicentral eléctrica. O camiño continúa por unha senda á marxe dereita do río Gándaras ata o muíño das Cernadas, pasa a carón dunha fervenza cun envolvente murmurio de augas e desvíase ata outro dos puntos emblemáticos da ruta, o batán de Mezonzo, actualmente restaurado e que forma, coa fervenza e co muíño, un complexo etnográfico dunha beleza paisaxística e natural inigualable.

Pola tarde, logo do xantar, visitaremos a granxa ecolóxica Millo e Landras para participarmos da experiencia da elaboración de queixo do país artesán.

Programa da xornada

Mañá: saída ás 11 h da igrexa de Santa María de Mezonzo e percorrido pola Ruta dos Muíños do río Gándaras. 

Ás 14 h, volta á igrexa de Mezonzo e xantar conxunto (prezo 12 euros) no campo da feira, con produtos da horta e da granxa ecolóxica Millo e Landras.

Tarde: ás 16 h, obradoiro para a elaboración de queixo artesán e visita ás instalacións da granxa Millo e Landras, con explicacións sobre os rudimentos da agricultura ecolóxica.

 

Hora e lugar de encontro: 11 h, na igrexa de Santa María de Mezonzo

Duración: 2 horas e media aprox. 

Distancia: 12 km

Dificultade: media (a maior parte do camiño vai pegado ao río)

Capacidade máxima: 50 persoas

Inscrición: do 19 ao 30 de agosto, en actividades@espazossonoros.org

Prezo do xantar: 12 euros, inclúe tamén os produtos necesarios para a elaboración do queixo

 

Non esquezas:

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra para o sol
  • Un impermeable por se chove
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño
 

Visita guiada polo mosteiro de Sobrado

Sobrado dos monxes (A Coruña)

Domingo 3 de setembro, 15.30 h

(Logo da visita, ás 16.30 h, Obradoiro de achegamento á música antiga)

 

Para as persoas participantes no obradoiro de achegamento á música antiga, está prevista, con anterioridade ao comezo da sesión, unha visita guiada polo mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes. Nela, poderemos percorrer os seus claustros —o Procesional ou dos Medallóns e o da Hospedería ou dos Peregrinos—, a igrexa barroca coa súa profusa decoración en pedra, as súas capelas e a sancristía, a antiga cociña abovedada e presidida por unha gran cheminea e a sala capitular, na que terá lugar o propio obradoiro. 

Hora: 15.30 h

Inscrición: actividade exclusiva para as persoas participantes no obradoiro de achegamento á música antiga (non é preciso inscribirse á parte)

Ruta pola contorna de Santa Mariña de Sela

Arbo (Pontevedra)

Sábado 9 de setembro, 15.00 h

(Logo da ruta, ás 20.00 h, concerto de Favola d’Argo, Igrexa de Santa Mariña de Sela)


A ruta comeza no lugar de Sela e descende cara ao río ata a praia fluvial. Alí atoparemos interesantes elementos, coma un manancial de augas mineromedicinais que, a comezos do século XX, eran envasadas e vendidas en farmacias e droguerías, e que foran analizadas polo doutor Gil Casares, catedrático de Medicina da Universidade de Santiago. Tamén podemos atopar, a unha e outra marxe do Miño, numerosas pesqueiras de lamprea. A ruta transcorre por unha paisaxe etnográfica e natural con moita habenza e fermosura e caracterizada polas videiras, produtoras do viño do Condado. Seguimos a través do antigo carreiro dos pescadores, á beira do río, para subir logo á veciña parroquia de San Xoán de Barcela e ao lugar da Torre e, finalmente, volvemos ao punto de saída.

Xa de volta na igrexa e antes do concerto do grupo Favola d’Argo, teremos oportunidade de ver as recentemente restauradas pinturas murais da igrexa, que serán comentadas por persoas expertas e partícipes da iniciativa promovida pola veciñanza de Sela para a súa restauración.

 

Hora e lugar de encontro: 15 h, na igrexa de Santa Mariña de Sela

Duración: 2 horas e media aprox. 

Distancia: 10 km

Dificultade: media

Capacidade máxima: 60 persoas

Inscrición: do 26 de agosto ao 6 de setembro, en actividades@espazossonoros.org

 

Non esquezas: 

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha botella de auga
  • Unha gorra para o sol
  • Un impermeable por se chove
  • Chocolate e unha mazá para o camiño

Ruta do Bidueiral de Gabín

Montederramo (Ourense)

Sábado 16 de setembro, 12.30 h

(Logo da ruta, ás 19.00 h, concerto de Xavier Díaz-Latorre, Mosteiro de Montederramo)

 

O espazo natural do Bidueiral de Montederramo está situado entre a Ribeira Sacra e o macizo central de Queixa-Manzaneda. Trátase dun conxunto boscoso dunha grande importancia ecolóxica, integrado na Rede Natura 2000. É un dos bosques de bidueiros con vexetación eurosiberiana que se atopa máis ao sur de Europa. O percorrido iníciase no Campo do Casar, intérnase no bidueiral e transcorre por unha das máis vizosas e espectaculares fragas de Galicia, con abondosas mostras de especies autóctonas coma bidueiros, carballos, acivros, abeleiras, cancereixos, arandeiras, e unha variada fauna de corzos, xabarís, lebres, aguias, mouchos e azores, entre outras especies. 

Para achegarse ao punto de saída, haberá que dirixirse primeiro á localidade da Mogaínza, do concello de Montederramo, e logo tomar unha pista de terra ata o Campo do Casar. De tipo circular, o percorrido devolveranos ao punto de saída para volver á vila de Montederramo e participar, antes do concerto, nunha visita guiada polas dependencias do mosteiro. 

 

Hora e lugar de encontro: 12.30 h, no Campo do Casar

Duración: 3 horas e media aprox. (con parada para tomar un pequeno refrixerio)

Distancia: 9,4 km aprox.

Dificultade: media 

Capacidade máxima: 60 persoas 

Inscrición: do 2 ao 13 de setembro, en actividades@espazossonoros.org

 

Non esquezas:

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha gorra para o sol
  • Un impermeable por se chove
  • Un pequeno refrixerio e bebida para o xantar
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño

Visita guiada polo castelo de Pambre

Palas de Rei (Lugo)

Domingo 17 de setembro, 17.30 h

(Logo da visita, ás 19.00 h, concerto de Samuel Diz)
 

Nunha fin de semana dedicada á música para guitarra a través da súa evolución histórica, poderemos gozar, na tarde do domingo e previamente ao concerto do guitarrista Samuel Diz, dunha visita polo lendario castelo de Pambre, testemuña dos convulsos episodios que protagonizou a nobreza galega durante o século XV.

Na visita, teremos a oportunidade de percorrer os diferentes elementos e espazos dun dos máximos expoñentes da arquitectura civil medieval galega: a muralla, a torre da homenaxe, o hórreo, a capela e, ademais, o centro de interpretación; todos eles recentemente rehabilitados e abertos ao público. 

Hora: 17.30 h

Inscrición: non é preciso inscribirse

Ruta do antigo ferrocarril e visita guiada polos fornos da Pontenova

A Pontenova (Lugo)

Sábado 23 de setembro, 12.00 h

(Logo da ruta, ás 19.00 h, concerto de Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero)

 

A ruta percorre once dos trinta e catro quilómetros da liña férrea que unía as minas de Vilaoudriz co porto de Ribadeo, liña a través da que se transportaba o mineral extraído naquelas minas para a súa comercialización. Transcorre desde a antiga estación da Pontenova, e á beira do río Eo, por unha fermosa paisaxe de ribeira, que forma parte da reserva da biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón, ata internarse en Asturias e rematar en San Tirso de Abres. Ao longo dela, atravésanse diferentes túneles, coma o do Carriceiro, Piago Longo ou o da Central, e unha ponte colgante. Pasa tamén a carón dunha antiga central hidroeléctrica e dunha presa na que aínda se pode ver unha construción para a escala do salmón.

De volta na Pontenova, visitaremos os antigos fornos para a calcinación do mineral de ferro que, precisamente, servirán de escenario para o concerto de Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde.

 

Hora e lugar de encontro: 12.00 h, nas piscinas municipais da Pontenova

Duración: 5 horas aprox.

Distancia: 22 km aprox.

Dificultade: media 

Capacidade máxima: 60 persoas 

Inscrición: do 9 ao 20 de setembro, en actividades@espazossonoros.org

Non esquezas:

  • Calzado cómodo para camiñar
  • Unha lanterna
  • Unha gorra para o sol
  • Un impermeable por se chove
  • Un pequeno refrixerio e bebida para o xantar
  • Auga, chocolate e unha mazá para o camiño

Visita ao obradoiro de fundición de campás Ocampo

Caldas de Reis (Pontevedra)

Sábado 30 de setembro, 17.00 h

 
(Logo da visita, ás 20.00 h, concerto de manseliña na igrexa de Santa María de Godos)

 

Situado na localidade de Arcos da Condesa, no concello de Caldas de Reis, na vizosa comarca da Mahía, existe un taller de fundición de campás, único en Galicia e un dos últimos que quedan na Península Ibérica. Desde a súa creación, hai catro séculos, este taller traballa seguindo o mesmo método artesanal que empregaron os seus antepasados. A actividade deste obradoiro de fundición remóntase ao ano 1630 e, durante xeracións, abasteceu de campás as igrexas galegas (entre elas, as famosas campás de Bastavales) e tamén de fóra de Galicia. Os traballadores deste obradoiro son depositarios dos segredos dunha industria artesanal que segue a subsistir nun contexto constantemente ameazado pola produción industrial en serie. 

Na visita ao obradoiro da familia Ocampo, teremos a oportunidade de coñecer moi de preto este oficio e tamén o ancestral método empregado na fundición de campás; é dicir, a elaboración dos moldes de barro reforzado con estopa e arame, o recheo coa aliaxe de bronce, a cocción no forno de leña de tiro natural e a afinación do molde.

  

Hora: 17 h 

Capacidade máxima: 60 persoas 

Inscrición: do 16 ao 27 de setembro, en actividades@espazossonoros.org


Visita guiada polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense

Ourense

Mércores 11 de outubro, 19.00 h

(Logo da visita, ás 20.30 h, concerto de Alejo Amoedo e Susana de Lorenzo no Liceo de Ourense)

Nesta xornada, como aperitivo ao concerto que terá lugar no Salón Nobre do Liceo de Ourense, teremos a oportunidade de facer unha pequena visita guiada ao Arquivo Histórico Provincial. Alí poderemos ver os orixinais manuscritos de dúas obras inéditas, da segunda metade do século XVIII, que foron recuperadas e transcritas por encargo do festival para seren interpretadas durante o posterior concerto. As obras foron compostas por Antonio Krause, un capelán de Bohemia (na actualidade, parte da República Checa), e consérvanse nun atado, de orixe descoñecida, xunto a diversas partituras e outros documentos. Krause dicíase discípulo do mesmo Haydn, daquela o músico europeo de moda, o que entra dentro do plausible tendo en conta as datas nas que viviu e a súa procedencia. Así e todo, o máis interesante neste caso é que o arquivo conserva as dúas únicas copias, que saibamos, destas pezas, que foron anunciadas polo autor para a súa venda na Gaceta de Madrid

Ademais, faremos unha visita xeral para coñecer o arquivo e faremos fincapé nos elementos musicais que custodia.

 

Hora e lugar: 19.00 h, na sede do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, rúa Hernán Cortés, n.º 2

Capacidade máxima: 40 persoas

Inscrición: do 30 de setembro ao 10 de outubro, en actividades@espazossonoros.org


2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos