Roldas pola paisaxe organística galega

A paisaxe organística do Camiño do Norte

Sábado 7 de outubro, 10.45 h

(Logo da rolda, ás 17.30 h, estrea de Parábase, de Pablo Seoane, na igrexa de San Salvador e Lourenzá, Lugo)

 

A sexta das roldas pola paisaxe organística galega conduciranos, desta volta, a través do Camiño de Santiago do Norte, declarado ben integrante da lista do patrimonio mundial da Unesco en 2005, con paradas en Vilalba, Mondoñedo e Lourenzá. Ao longo do traxecto, atoparemos exemplares de órganos diferentes en canto a estilo e época e en diverso estado de conservación. A primeira parada será no órgano da igrexa parroquial de Santa María de Vilalba, un interesante órgano romántico de 1914, da casa Alberdi. A segunda parada será na catedral de Mondoñedo para apreciarmos os dous impresionantes órganos barrocos; e cumpre sinalar que un deles se segue empregando na liturxia da igrexa, aínda que moi modificado en canto ao seu mecanismo, xa que foi electrificado. A terceira e a última parada terá lugar na igrexa do antigo mosteiro de San Salvador de Lourenzá, onde se atopan dous dos máis interesantes órganos da paisaxe organística galega, os dous únicos órganos xemelgos galegos que conservan case todo o seu material orixinal e que foron construídos entre 1762 e 1765 por organeiros galegos.

 

>>> A PAISAXE ORGANÍSTICA DO CAMIÑO DO NORTE

A medida que imos aprendendo máis sobre a historia dos nosos órganos, a ruta de entrada e de saída de Galicia que chamamos Camiño do Norte e mais as igrexas que nela se atopan van cobrando un protagonismo sobranceiro. Por el circularon no pasado organistas e organeiros, procedentes de Compostela ou de camiño a ela, para desenvolveren a súa actividade profesional. Os principais templos onde centraron a súa actividade foron dous importantes mosteiros, o bieito de Vilanova de Lourenzá e o cisterciense de Sobrado dos Monxes e, naturalmente, a catedral de Mondoñedo. Pero hai que mencionar tamén outros mosteiros masculinos e femininos en vilas como a propia Mondoñedo, Ribadeo ou a próxima de Viveiro.

Na catedral de Mondoñedo, temos datos da existencia dun organista de nome Juan Engrés, que exerceu o seu oficio entre 1400 e 1422; feito que parece indicar a presenza dun instrumento nesas datas, e probablemente xa moito antes. No século XVI, o organeiro veciño de Vigo, Pedro Martínez de Montenegro, fará un órgano novo para o convento das clarisas de Ribadeo e, no ano 1574 e moi pouco antes, en 1564, Juan de Escobar fixera algúns arranxos no órgano da colexiata. A mediados do século XVI, Rodrigo Ferrán aparece como afinador dos órganos da catedral mindoniense; nela, desde ese século, podemos facer unha lista practicamente ininterrompida dos seus organistas ata o século XX, comezando por Alonso Carbajal no ano 1549. Máis tardías son as noticias que temos sobre a presenza do órgano en Vilanova de Lourenzá. Porén, o primeiro dato, que corresponde á construción en 1638 dun pequeno órgano realexo por Baltasar Machado (organeiro da catedral de Santiago), infórmanos de que xa daquela había un órgano na súa igrexa. É moi posible que este instrumento tivese a súa orixe no século anterior. O século XVIII verá florecer unha actividade construtiva de gran relevancia na zona, coa construción, entre 1714 e 1715, dos dous órganos en caixas xemelgas da catedral de Mondoñedo, obra de Manuel de la Viña. Medio século despois, construíronse outros dous órganos, tamén en caixas xemelgas, no mosteiro de Vilanova de Lourenzá, obra do artífice compostelán Alberto de la Peña. Estes dous instrumentos, practicamente no seu estado orixinal, son dúas verdadeiras alfaias do patrimonio musical de Galicia.  

Completa a rolda pola paisaxe dos órganos no Camiño do Norte o órgano da vila de Vilalba, un dos escasos órganos pertencentes a unha igrexa parroquial existentes en Galicia, coa excepción dos das principais cidades. Datado en 1911, encádrase xa dentro do estilo do órgano romántico.  

Finalmente, e aínda que a rolda non pasará por Sobrado dos Monxes, teremos alí outra das actividades do festival, polo que é preciso facer unha pequena mención ao órgano, hoxe desaparecido, que houbo na igrexa do mosteiro. Malia que a día de hoxe non temos ningunha información sobre este, é indiscutible a presenza dun instrumento dada a relevancia do mosteiro e, por tanto, a necesidade de ter un para o acompañamento da liturxia. No coro alto no lado do evanxeo, aínda se aprecian pegadas que permiten deducir a súa localización orixinal. Ademais, indagacións recentes nun libro de profesións de novizos conservado no Arquivo Histórico Nacional revelan que algúns dos novizos se preparaban para o oficio de organista, como é o caso de frei Justino García, natural de Santiago, que exerce como tal en 1740, do que se deduce que nese momento existía, polo menos, un instrumento no mosteiro.

A xornada rematará cunha pequena preparación para a escoita da obra, que será estreada no transcurso do concerto posterior, composta por Pablo Seoane e que será interpretada por Seoane e Saúl Puga. Unha amena charla na que o público terá a oportunidade de aprender máis sobre os fundamentos básicos da organería coa montaxe dun pequeno órgano didáctico, obra do construtor Herbert Kuen.

 

Programa da visita:

10.45 h Xuntanza na igrexa de Santa María de Vilalba, charla contextualizadora e visita ao órgano

11.30 h Saída cara a Mondoñedo

12.00 h Chegada a Mondoñedo e visita aos órganos

13.00 h Chegada a Lourenzá e visita aos órganos

14.00 h Xantar libre

16.30 h Xuntanza na igrexa de San Salvador, pequena charla introdutoria ao concerto e montaxe dun órgano didáctico

17.30 h Concerto de Pablo Seoane

  

Capacidade máxima: 60 persoas

Hora e lugar de encontro: ás 10.45 h, na igrexa parroquial de Santa María de Vilalba

Inscrición: do 23 de setembro ao 4 de outubro, en actividades@espazossonoros.org

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos