Alejo Amoedo e Susana de Lorenzo

DO MINUET DA PRINCESA Á ALBORADA 

PREGOS MANUSCRITOS AO GUSTO DO PÚBLICO BURGUÉS


Alejo_Amoedo_copia.jpg  Susana_de_Lorenzo_copia.jpg

 

Susana de Lorenzo canto
Alejo Amoedo piano
Abraham Cupeiro gaita


Mércores 11 de outubro, 20.30 h

Liceo de Ourense (Ourense)

(Coñece o teu patrimonio: ás 19.00 h, visita guiada ao Arquivo Provincial de Ourense)

 

A crecente demanda de música de salón para o público burgués da segunda metade do século XVIII en España atopou unha case inexistente oferta de impresores nacionais, pois a maior parte das edicións eran foráneas. Coa chegada ao trono de Carlos III en 1759, no contexto do chamado majismo, téndense a substituír os aires e as danzas de orixe estranxeira por outras con marcado carácter hispano que, naturalmente, non podían fornecer os editores foráneos. Apareceu entón unha verdadeira industria artesanal, de copia manuscrita de música, que tentaba encher o oco que non daban cuberto os escasos editores existentes; copias feitas en sinxelos pregos que se podían demandar directamente do músico profesional na súa casa ou mercar nas tendas de música. Moitas destas copias manuscritas desapareceron ou permanecen ignoradas en arquivos públicos e privados. O programa de concerto xira precisamente arredor destas músicas. Trátase das pezas para piano só ou voz e piano copiadas polo músico alemán Antonio Krause, que residía en Madrid, e que se atopan no Arquivo Provincial de Ourense, así como de tres pezas de música galega para fortepiano, copiadas polo que foi organista e mestre de capela da colexiata da Coruña, Diego Antonio Machado, na actualidade na Biblioteca Nacional. Completarán este repertorio outras pezas da época, tanto para instrumento solista como para voz e piano.

O programa será interpretado polo pianista Alejo Amoedo, personalidade comprometida coa música e cos músicos de Galicia nunha tripla vertente, como intérprete, como apaixonado coleccionista de testemuños da memoria musical galega e como estudoso de obras e autores que teñen como referencia a Galicia. Canda el, a cantante lírica e integrante do grupo Doa, Susana de Lorenzo, e o polifacético Abraham Cupeiro, recrearán músicas esquecidas en antigos pregos e rescatadas e transcritas para a ocasión polo músico e investigador Andrés Díaz Pazos.

 

alejopianista.wordpress.com

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos