PASEANDO DOÑA SILVANA - A GUITARRA NA GALICIA CONTEMPORÁNEA


Samuel_Diz_AMarina_Neira_2016_CBA2_copia.jpg

 

Samuel Diz guitarra clásica

 

Domingo 17 de setembro, 19.00 h

Castelo de Pambre, Palas de Rei (Lugo)

(Coñece o teu patrimonio: ás 17.30 h, visita guiada)

 

Paseando doña Silvana polo corredor arriba, tocando nunha guitarra cousa que ela ben sabía […]

Así documenta un romance, recollido no primeiro terzo do século XX polo musicólogo lucense Jesús Bal y Gay a poucos quilómetros de Palas de Rei, a presenza da guitarra na tradición popular galega, mención que inspiraría a única partitura para guitarra deste autor, unha pastoral de estética neoclásica dedicada a Regino Sainz de la Maza, guitarrista que percorrera xa daquela os escenarios de Galicia. Con este pretexto, o guitarrista Samuel Diz ofrece un recital no que se traza, cun afán divulgativo, un percorrido histórico pola presenza da guitarra en Galicia, a través dunha escolla de obras compostas orixinariamente para este instrumento que nos permite emprender un frutífero diálogo entre o popular e o erudito, presente de forma continua na música para guitarra do século XX. Obras do descoñecido José Chas, de Jesús Bal y Gay, de Frederic Mompou ou do autor contemporáneo Saúl Chapela, entre outros, integran un programa de músicas que terán como pano de fondo o lendario castelo de Pambre, nas terras da Ulloa.

Samuel Diz é guitarrista e investigador e un brillante concertista que ten actuado en diferentes países dos continentes europeo, americano e africano. Establecido en Galicia desde hai anos, Samuel Diz é un músico comprometido coa recuperación do patrimonio musical galego, traballo que centra na tarefa de rescatar a descoñecida identidade e a presenza da guitarra no noso país, tema que enlaza directamente cos contidos do concerto de hoxe.

 

www.samueldiz.com

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos