Casa Grande de Trasalba, Amoeiro (Ourense)

Sábado 15 de setembro, 19.00 h

M.Sancho Quartet
(Coñece o teu patrimonio. Ás 11.00 h, xornada literaria e de lecer arredor da figura de Otero Pedrayo)


Coñecida como a casa Grande de Trasalba, a sede da Fundación Otero Pedrayo e da Casa Museo de Ramón Otero Pedrayo sitúase no lugar de Cimadevila, na parroquia de Trasalba, nos confíns dos Chaos de Amoeiro, na bocarribeira sobre os ríos Barbantiño e Miño. Nela viviu  o que fora profesor de bacharelato e máis tarde de universidade, polígrafo, orador, escritor de diversos xéneros literarios, galeguista desde a súa mocidade, presidente do Seminario de Estudos Galegos e membro fundador do Instituto Padre Sarmiento, o coñecido como Patriarca das letras galegas, don Ramón Otero Pedrayo. Nesta casa pasou Otero Pedrayo longas tempadas desde neno e nela rematou e asinou numerosas obras, ademais de ser evidente a pegada que o vínculo entre o escritor e estas terras, e coa casa mesma, deixou nos seus escritos. Aquí retiraríase o intelectual no seu exilio interior, unha vez depurado da súa cátedra do Instituto de Ourense, logo da contenda civil.  

O conxunto consta de diferentes construcións adxectivas canda unha vivenda principal e doutros elementos, como unha fonte, un hórreo, o tanque da auga, a adega, o paseo baixo as videiras con bancos de pedra e unha grande extensión de xardín con diferentes especies de árbores, soutos e decorativos buxos. A casa consérvase tal cal estaba en vida de don Ramón, coa súa cociña, o baño, a sala comedor, a sala nobre, o despacho e os dormitorios. A entrada ao conxunto faise por un portal, enmarcado nun muro de pedra que rodea a casa e que dá a un patio. Nel consta unha inscrición nun perpiaño de granito co ano de fundación, 1764.  

A casa principal é un edificio longo feito en pedra con perpiaños de granito ao que se accede pola banda norte, fachada ao longo da cal se desenvolve un corredor con varanda de madeira, deseñado por Castelao, grande amigo de Otero Pedrayo, e que remata en galería acristalada. Na cara sur da vivenda está a solaina de pedra, pola que tamén se descende ao xardín, e desde onde se pode ollar, no horizonte, a paisaxe máis íntima do escritor, as siluetas da serra do Leboreiro e da pena Gacha, que fan linde con Portugal, o couto de Novella, o castro de San Trocado ou a Cidá.

Dentro da casa destaca a presenza, na sala nobre, dun orixinal da Carta geométrica de Galicia, elaborada polo matemático e xeógrafo galego Domingo Fontán en 1834, científico ao que se lle dedica este ano o Día da Ciencia en Galicia. Sobre el e sobre a relación do mapa con Otero faleremos tamén ao longo desta xornada.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia iniciou en 2017 a elaboración dun proxecto director para analizar de forma integral o conxunto da casa Grande de Cimadevila desde as perspectivas gráfica, fitolóxica, arquitectónica e cultural. 

museos.xunta.gal/es/otero-pedrayo

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos