Illa de Sálvora, Ribeira (A Coruña)

Sábado 1 de setembro

 (Coñece o teu patrimonio. Ás 10.00 h, xornada a carón das Illas Atlánticas)


CONCERTO INAUGURAL
Marés
O Quinteiro de Temperán, O Grove (Pontevedra), 20.00 h


Pertencente ao concello de Ribeira, esta illa forma parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atánticas e constitúe o elemento con máis entidade dun arquipélago que pecha a entrada da ría de Arousa. A illa foi cedida por Afonso II O Casto ao cabido de Santiago, en doazón confirmada en 911 por Ordoño II ao bispo Sisnando. Pola súa localización, a illa foi obxecto de ataques e de ocupación por parte de piratas sarracenos e normandos, que trataban de entrar en Galicia pola ría de Arousa. A illa foille cedida posteriormente pola Igrexa á familia Fandiño Mariño e, xa no século XVI, formaba parte do morgado da casa de Goyanes, data a partir da cal os veciños de Carreira, parroquia pertencente a Ribeira, a foron ocupando para aproveitala como terra de cultivo.

Co auxe pesqueiro e comercial dos séculos XVII e XVIII, en 1770 construíuse unha fábrica de secado e salga de peixe, a primeira de Galicia e, anos máis tarde, unha peixería de atún, que xerou preitos coa veciñanza da parroquia de Carreira, a cal, froito desta concesión, quedaba practicamente sen posibilidade de pescar nesas augas. Sería durante o século XIX cando, debido ás dificultades económicas dos habitantes de Carreira, algunha xente se desprazou novamente á illa para traballar nas explotacións agrícolas e gandeiras. Como resultado deste asentamento consolídase unha pequena aldea con oito casas, un forno, una praza e dúas fontes de auga potable. Na illa destacan elementos como o peirao para o acceso das embarcacións, o faro e o complexo do pazo, formado por dous edificios, a vivenda e a capela, que fora antiga taberna.  

Cara ao norte da illa atópase o poboado, que estivo habitado ata os anos setenta, coas súas edificacións aínda en pé. Nos anos sesenta do século XX, a familia Otero Goyanes transformará as instalacións da fábrica de salga en pazo e mandará reconstruír a vella fonte da Telleira, para o que se aproveitarán os banzos da que fora a escaleira de caracol do faro. O faro actual, de 1921, substituíu outro anterior de 1852 e estivo habitado ata 2017. En 1921, Sálvora viviu unha das maiores traxedias marítimas, o naufraxio do vapor de pasaxes Santa Isabel, que facía a ruta de Bilbao a Cádiz con parada en Vilagarcía de Arousa. Grazas á axuda das mulleres do poboado e do fareiro, puidéronse salvar as vidas dalgúns náufragos, se ben a maior parte da pasaxe non sobreviviu.

As illas posúen un fondo mariño cunha gran biodiversidade e a vexetación está caracterizada pola matogueira, da que sobresaen as características bólas graníticas. Sálvora atesoura moitas das xoias animais e vexetais do parque nacional, entre as que destacan especies únicas, como as colonias de gaivota escura, o lagarto de Sálvora, algunha das escasas poboacións mundiais de certas plantas, como a xesta insular e a linaria arenaria, ou os paxariños amarelos, especie existente apenas en escasos puntos da costa francesa e en tres puntos da costa galega, considerada en perigo crítico no ámbito mundial.  

O Goberno de España adquiriu Sálvora en 2007 e a titularidade foille transferida á Xunta de Galicia en 2008. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural realizou en 2016 un estudo sobre as solucións construtivas características da arquitectura tradicional da illa. O arquipélago de Sálvora foi declarado ben de interese cultural coa categoría de paisaxe cultural en 2018.

 


2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos