San Xiao de Moraime, Muxía (A Coruña)

Domingo 7 de outubro, 19.00 h

Romanza 
CLAUSURA
(Coñece o teu patrimonio. Ás 12.00 h, ruta dos muíños)

 

Xunto á ría de Camariñas, no concello de Muxía, erguíase o único mosteiro histórico da Costa da Morte, San Xiao de Moraime, cuxas primeiras fontes documentais se remontan ao século XI. No entanto, a historia do lugar podería retrotraernos a épocas mesmo anteriores, porque nas súas proximidades se atoparon restos dunha necrópole romana ou visigótica. A comezos do século XII, o lugar sufriu ataques normandos e almorábides e a partir do 1119 comeza a construción do templo románico que hoxe coñecemos. A orixe de Muxía (o propio nome da vila deriva do termo “monxía”, terra de monxes) está directamente relacionada con este cenobio beneditino, como o está tamén o famoso santuario da Virxe da Barca, xa que os monxes evanxelizaron ese lugar onde aínda sobrevivían rituais pagáns relacionados coas rochas.   

Afonso VII pasaría varios anos da súa infancia no mosteiro e é por iso que este contaría despois co favor do rei e dos seus sucesores. A importancia do lugar, primeiro vinculado ao poder medieval dos condes de Traba e logo ao priorado de San Martiño Pinario, mantívose ata ao século XV. Nos séculos XVI e XVII foi asaltado por piratas ingleses, o que provocou o seu abandono e a conversión do templo en igrexa parroquial, así como dunha parte do conxunto monástico en casa reitoral durante o século XVIII. 

A igrexa que chegou ata os nosos días, xunto coa súa casa reitoral e o seu camposanto, conforman un conxunto moi significativo dentro do estilo románico rural de Galicia. A planta do templo é basilical, dividida en tres naves e tres ábsidas. A fachada principal, cunha rica ornamentación simbólica, está dividida en tres corpos separados por contrafortes, con dous rosetóns entre cada un deles. Aos lados desa fachada álzanse dúas torres con campanario. Nas fachadas oeste, leste e sur da igrexa están previstas actuacións de conservación. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural realizou o proxecto básico e de execución das obras para licitar este ano.  

A portada presenta tripla arquivolta de medio punto, que se decora con figuras; a maior presídea a figura de Cristo e a intermedia decórase con 15 músicos. O interior da igrexa, sombrizo e semisoterrado, transmite especialmente a sensación de recollemento do espazo, case ao xeito dunha catacumba. A porta lateral orientada ao sur é máis diáfana e presenta fermosos capiteis, cunha escena que lembra á Última Cea no tímpano exterior e cun Agnus Dei no reverso interior.

As pinturas do muro norte foron recentemente restauradas pola Xunta de Galicia, o que permitiu datalas no século XVI. Estas representan os sete pecados capitais e as súas virtudes contrapostas, discurso que se abre coa cruz e se pecha coa representación da morte como un arqueiro, é dicir, a representación do tema da psychomachia ou batalla da alma entre pecados e virtudes. Na parte esquerda da entrada atopamos unhas interesantes laudas sepulcrais, feito que agranda aínda máis o valor de San Xiao de Moraime, unha verdadeira alfaia do románico galego.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos