LUZ E DÍA

ALBAS E CANTIGAS NA TRADICIÓN LÍRICA OCCITANA E GALEGO-PORTUGUESA

Romanza

 

1503250_10152664173348437_6511868085789821597_n_copia.jpg   Catalina_Vicens__c._Martin_Chiang9_LQ_copia.png  _52A3711_copia.jpg

Luciana Cueto, voz
Catalina Vicens, órgano portativo
Manuel Vilas, arpa

 

Domingo 7 de outubro, 19.00 h

CLAUSURA

San Xiao de Moraime, Muxía (A Coruña)

(Coñece o teu patrimonio. Ás 12.00 h, ruta dos muíños)

 

Este conxunto de recente formación, Romanza, propón un programa que ten como protagonistas os sons sutís e refinados da arpa e do órgano portativo, que se entrelazan coa voz humana para transportar a audiencia ás sonoridades e á estética do medievo. A historia de dous amantes que deben separarse coa luz da alba, a dunha muller que lles implora ás ondas do mar de Vigo que lle devolvan o seu namorado, unha historia de amor cortés que ten a Virxe María como protagonista, un diálogo entre o ceo e a terra, entre o sagrado e as paixóns humanas. O punto de partida será o repertorio das sete cantigas de amigo de Martín Códax, recollidas no Pergamiño Vindel, que viaxou en 2017 a Galicia procedente de Nova York. O manuscrito exhibiuse por vez primeira na mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que se puido visitar entre outubro de 2017 e marzo de 2018 no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. Neste percorrido polas cantigas codacianas tamén se realizará un achegamento á lírica trobadoresca occitana e ás Cantigas de Santa María da lírica galego-portuguesa, unha das coleccións de cancións monofónicas máis importantes da literatura medieval occidental, compostas baixo o mecenado do rei Afonso X o Sabio.

Composto por tres experimentadas e prestixiosas personalidades da música antiga –entre  elas, o internacionalmente recoñecido arpista galego Manuel Vilas–, este conxunto vocal e instrumental preséntase coa intención de explorar os repertorios da música medieval peninsular e occitana, ademais de realizar incursións en repertorios máis tardíos, como a chamada “chanson" borgoñoa ou os vilancicos renacentistas. No seu traballo buscan rescatar unhas sonoridades históricas xa esquecidas, para o que empregan réplicas de instrumentos orixinais coas que recrean sons transparentes e puros, ao que suman as súas diferentes experiencias creativas e estéticas, co fin de construír unha linguaxe común caracterizada pola introspección e a elegancia.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos