Domingo 16 de setembro, 19.00 h
San Martiño de Mondoñedo, Foz (Lugo)
(Coñece o teu patrimonio. Ás 15.00 h, tras as pegadas do mariscal)
Esta formación vocal e instrumental está integrada por tres novísimas e virtuosas frautistas unidas por unha paixón, a música antiga, ámbito no que se iniciaron durante os seus estudos na Universidade das Artes e da Música de Viena, da man de mentores do talle de Thomas List ou Michael Posch. O nome do grupo fai referencia a un xeito de interpretar a música limpo, ao tempo que vibrante, brillante, “vívido”. Nos seus programas combinan o seu virtuosismo como frautistas cunhas excelentes calidades vocais e, desde a súa fundación, en 2016, foron quen de cativar un amplo público ao longo do seu país, Austria. Desde entón, o grupo vén actuando regularmente en diversos escenarios, coa exploración de repertorios que abranguen desde a Idade Media ata o século XXI, especificamente a música vocal e instrumental inglesa do século XVI.
Baixo un título inspirado no simbolismo da froita do limoeiro na arte renacentista (a alegría de vivir, a natureza, a fidelidade e a amargura no amor, a melancolía…), este programa combina sobrecolledoras e agridoces pezas de música profana inglesa e francesa, coas que o grupo pretende amosar toda a beleza, drama e refinamento da polifonía renacentista, con incursións na música do Quattrocento italiano.