Catedral de Tui, Tui (Pontevedra)

Sábado 14 de setembro, 19.00 h

Michael Schöch
(Coñece o teu patrimonio. Ás 10.00 h (hora portuguesa), roldas pola paisaxe organística galega)

A localización da catedral de Tui, no alto da vila, semella que estivo ocupado desde tempos prerromanos. A obra do actual edificio, que substituíu unha basílica anterior dos séculos V-VI, comezou no ano 1120, aínda que non se consagrou até o ano 1225. Iniciada dentro do estilo románico, a nave e bóvedas, rematadas cara ao final do s. XII, están xa feitas dentro do estilo gótico. Outro elemento de grande importancia é o claustro, que é o único medieval conservado nas catedrais galegas. Tamén ten relevancia, nesta zona da catedral, a torre e o pazo construídos polo bispo Diego de Muros, cara ao fin do século XV.

No puramente musical, destacan no seu interior as caixas xemelgas dos órganos. Actualmente, só un deles está operativo, o do lado da epístola, é dicir, o da dereita ollando ao altar maior. Foi construído de nova factura polo organeiro Gerhard Grenzing en 1995, aproveitando algún dos escasos restos orixinais que quedaban. Conta con 31 rexistros, distribuídos nos seus dous teclados, e pedaleiro. Este órgano moderno é o último dunha longa lista de instrumentos. O primeiro do que temos noticia é aquel que estaba sendo construído por Juan Álvarez en 1466, quen protesta ao cabido porque non avanza na obra, ao non dispor do estaño que precisa para facer os canos do instrumento. Pola catedral pasaron case todos os organeiros principais que traballaron en Galicia entre o século XVI e XIX. Moitos deles estiveron contratados para facer afinacións e reparacións periódicas dos instrumentos, como é o caso do portugués Baltasar Machado, organeiro na catedral de Santiago, durante a parte central do século XVII. En 1636 é contratado como afinador do órgano de Tui, despois de facer nel certas reparacións de importancia. 

As caixas xemelgas actuais foron construídas para acomodar os órganos reconstruídos por Antonio del Pino y Velasco, de orixe palentina, entre 1714 e 1718. Foi esta época, cara a finais do século XVII e comezos do XVIII, de grande actividade construtiva na catedral, pois xunto coa construción do coro, tres organeiros traballaron nun curto espazo de tempo. Entre 1695 e 1697, o frade xerónimo portugués frei Joseph de los Ángeles constrúe un órgano novo. Aínda non saía pola porta este organeiro cando a catedral contrata a Juan Galindo, arpista e organeiro da catedral compostelá, para a construción doutro instrumento situado fronte ao anterior. Por último, Antonio del Pino constrúe dous órganos, dentro das novas caixas, probablemente aproveitando boa parte dos instrumentos dos seus antecesores. Estes sufriron importantes amaños e remodelacións no século XVIII. Entre 1754 e 1755, polo organeiro, tamén de orixe palentino, Juan Francisco de Toledo e entre 1780 e 1782, polo francés Lorenzo Monturus. Dáse a circunstancia de que este organeiro morreu no ano 1782 sen finalizar a obra, que era de grande alcance e que sería rematada polo compostelán Melchor González Maldonado.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos