Capela do antigo instituto-escola da Fundación Fernando Blanco, Cee (A Coruña)

Sábado 21 de setembro, 19.00 h 

Mateo Arnáiz
(Coñece o teu patrimonio. Ás 16.00 h, visita guiada polo museo e os xardíns botánicos da Fundación Fernando Blanco)

 

Trátase da capela dun dos primeiros institutos de ensino que se crearon no rural galego, nunha época na que estes só existían nas grandes cidades. O edificio foi impulsado, xunto ao dunha escola de nenas, por Fernando Blanco de Lema, un ceense nado en 1796 que, a comezos do século XIX, emigrou a Cuba, onde fixo unha importante fortuna. Guiado por un espírito filantrópico baseado na crenza de que a educación era a mellor ferramenta para o progreso dun pobo, no seu testamento encargaba a construción dun colexio de ensinanza primaria e secundaria na súa vila natal, onde o ensino sería gratuíto e, a tal fin, doaba a case totalidade dos seus bens. As obras, sobre o proxecto do arquitecto madrileño José María Aguilar, remataban en 1886. O centro equiparíase de todo o necesario para impartir, con toda comodidade, as tarefas docentes: mobiliario e material didáctico e instrumental científico abondoso que nutriría os diversos gabinetes científicos e que hoxe forman parte dos fondos da colección. Isto permitiu desenvolver unha especial experiencia pedagóxica, equiparable á dos máis avanzados institutos do seu tempo. No seu programa combinábase unha educación humanística, estética e científica, co ensino das materias prácticas necesarias para o desenvolvemento económico da comarca. Alí impartíanse materias como música, debuxo ou agricultura. Para iso dotouse tamén o centro dun xardín botánico, que aínda se conserva, con interesantes árbores centenarias, no que poder estudar os principio básicos de agricultura e botánica, e dunha coidada biblioteca. Tratábase dun ensino moderno que evitaba os castigos corporais e incentivaba con premios aos mellores alumnos. O Instituto, a través da súa Fundación, desenvolveu ademais un labor social e cultural decisivos no desenvolvemento da vila de Cee, con campañas de alfabetización para adultos, clases de música e debuxo e a instalación dunha botica de acceso gratuíto para pobres da parroquia e traballadores da institución. Alí instalaríase tamén a primeira estación telefónica interurbana de Cee, cuxos ingresos se reinvestían na realización de obras públicas na vila.

Xa que a educación católica estivo moi presente no réxime de ensino do centro, o instituto contaba tamén cunha pequena capela na que oficiaba a misa un capelán, que facía as veces de director espiritual dos nenos e nenas. A capela foi embelecida con diversos elementos, como un altar onde destaca a figura de Fernando III O Santo ou o mausoleo que alberga os restos do fundador, ambos os dous en mármore branco. A capela estaba decorada por unhas pinturas ao fresco na bóveda, obra do santiagués Eugenio Villar, e unha gloria que coroaba o altar, executada polo artista Luís Muriel, especializado en escenografías teatrais. Tanto as pinturas como as bóvedas mesmas perdéronse irremediablemente. A capela dispuña tamén dunha completa colección de ourivería relixiosa procedente da fábrica madrileña de Meneses.

 

museofernandoblanco.org

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos