Igrexa de Santa Liberata, Baiona (Pontevedra)

Domingo 1 de setembro, 20.00 h

CONCERTO INAUGURAL
Cantaderas

Esta pequena capela está situada na praza do mesmo nome, na parte alta da vila histórica de Baiona A Real. O templo-santuario ten a súa orixe no culto a santa Liberata, primeira muller que morreu crucificada no século II, nos tempos das persecucións de Adriano. Segundo a lenda, unha muller chamada Calsia, muller do maxistrado romano Lucio Catelio Severo, daría a luz a nove fillas xemelgas: Xenebra, Liberata, Victoria, Eufemia, Xermana, Marciana, Xena, Basilisa e Quiteria. Ao temer que o seu esposo pensase nunha infidelidade, ordenou tirar as súas fillas ao río Miñor, en canto Lucio estaba lonxe nunha campaña militar. A parteira Sila encargada de executar a orde, no lugar do sacrificio, entregou as nenas a distintas familias cristiás. Anos despois as fillas foron encarceradas e atormentadas pola súa relixión. Unha delas, Liberata, conseguiu fuxir e foi capturada e crucificada en Portugal, na poboación de Castraleuca, no Alentexo.

O culto á santa estendeuse durante os séculos XVI e XVII e, en 1688, o concello de Baiona solicitou unha reliquia da catedral de Sigüenza (onde se conserva o seu corpo), un óso do brazo da propia santa Liberata, que se conserva nun relicario de prata e que sae en procesión coa imaxe da Virxe todos os anos, o día 20 de xullo. En 1695 comeza a construción do templo, obra realizada por subscrición popular, baixo a dirección de José Domínguez Bugarín e Marcial González. De estilo italiano bastardo con reminiscencias do toscano e algunhas mesturas do plateresco, a igrexa ten unha soa nave e presenta unha fachada principal, flanqueada por dúas elegantes torres de base cuadrangular rematadas en pináculos e unha porta alintelada sobre a que monta un frontón oco que acolle a imaxe da santa crucificada. 

Resulta interesante, en especial, o retablo do altar maior, obra do escultor redondelán Antonio del Villar, autor tamén do retablo da Virxe da Expectación da catedral de Tui. Nel acapara todo o protagonismo a imaxe da crucifixión da santa, rodeada das súas irmás representadas sobre as pólas dunha árbore á sombra da cal está a parteira Sila. Nas bandas laterais, aprécianse medallóns en altorrelevo, con escenas do martirio das nove virxes, así como as imaxes de san Pedro e san Paulo no primeiro corpo e santa Bárbara e santa Apolonia no segundo. No ático, aparece a figura de Santiago Matamouros e, na clave do arco que pecha o retablo, asenta o escudo de armas da vila.

 

 


2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos