O Pazo do Faramello, Rois (A Coruña)

Domingo 29 de setembro, 19.00 h

Rosalía Gómez Lasheras
(Coñece o teu patrimonio. Ás 17.00 h, visita guiada polo pazo

 

O pazo do Faramello é un pazo de estilo barroco compostelán, situado na parroquia de Ribasar, no concello de Rois, ao pé do chamado Castro Lupario, na marxe esquerda do río Tinto, a poucos quilómetros antes da desembocadura deste no río Sar. O edificio, do século XVIII, con marcadas influencias italianas que deixan adiviñar a orixe do seu fundador, o xenovés Bartolomé Piombino, ten unha orixe industrial, vencellada á Real Fábrica de Papel do Faramello, a primeira fábrica de papel que se instalara en Galicia. Por Real Cédula de 1714 concedíaselle a don Bartolomé Piombino e Francineto a facultade de establecer unha fábrica de papel no lugar, prohibindo que, en vinte anos, ningunha outra persoa puidese introducir papel nin establecer fábrica del no Reino de Galicia. Daquela, a fábrica do Faramello compúñase de varias edificacións, o muíño papeleiro, vivendas dos oficiais, almacéns, muíños fariñeiros e a casa do señor Piombino. A filla do fundador da industria casaría con Manuel Riveiro de Aguiar e Soares, pasando a fábrica a formar parte do patrimonio desta familia, que modernizaría as instalacións e melloraría a súa produción con papeis de excelente calidade, no que se imprimirán numerosos libros, folletos e impresos das imprentas de Santiago de Compostela, usando como marca a lenda “Faramello R”.

Co cese da actividade papeleira a comezos do século XX, os edificios e as instalacións foron acondicionados para o seu uso agropecuario e residencial pola familia propietaria. Na actualidade, as instalacións están dedicadas á organización de eventos. O pazo do Faramello acadou certa sona pola activa vida social desenvolvida nel a finais do século XIX e por ser o protagonista dun episodio da novela de Alexandro Pérez Lugín, La casa de la Troya, publicada en 1915, con portada de Castelao. Os xardíns foron deseñados, no século XIX, segundo o gusto francés, con estanques e fontes que se complementan coas cascadas naturais que forma o río ao seu paso pola propiedade, e con pozas e canles dos antigos muíños. O conxunto compleméntase cunha carballeira milenaria de gran biodiversidade, onde se poden atopar londras, mouchos, garzas reais, parrulos silvestres, troitas, ras vermellas, esquíos, furóns e especies ameazadas, como o lagarto das silvas de cor turquesa. Ademais, dispón dunha capela construída no ano 1727, que acolle un retablo de madeira do escultor compostelán Xosé Gambino.


pazofaramello.com

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos