Igrexa de San Miguel de Lebosende, Leiro (Ourense)

Sábado 5 de outubro, 19.00 h

L’Unisoni
(Coñece o teu patrimonio. Ás 15.00 h, rolda polo románico de Leiro)

 

A igrexa de San Miguel de Lebosende atópase en pleno Ribeiro, nunha zona de grande interese paisaxístico, etnográfico e cultural e que, no pasado, foi un dos motores económicos de Galicia. Moi preto dela está o importante mosteiro de San Clodio e un pouco máis arriba, na seguinte das parroquias pertencentes a Leiro, a sobresaínte igrexa románica de San Tomé de Serantes. A de San Miguel goza dunha situación privilexiada, nunha ladeira orientada ao Sur con vistas ao val do Avia. Sendo como foi, de sempre, parroquia rural, destaca a calidade da súa fábrica, boa proba da riqueza da freguesía, froito, fundamentalmente, das rendas dos afamados viños da comarca. A orixe da igrexa é medieval e, desa época, destaca a súa portada románica, de fins do século XII, que está formada por tres arquivoltas, apoiadas estas en tres columniñas. Os seus capiteis teñen unha rica decoración: figuras vexetais, dúas aves que cruzan os seus pescozos e unhas figuras humanas que, pola erosión, non deixan interpretar ben o que representan. O tímpano perdeuse, pero quedan as mochetas que o sostiñan, nas que tamén vemos dúas figuras humanas. 

O interior ten planta de cruz latina e foi modificado substancialmente no século XVI. Desas datas é a bóveda do cruceiro, que chama a atención nunha parroquia rural coma esta. Porén, hai que ter en conta que a igrexa recibiu o favor da importante casa fidalga dos Candendo, que iniciara un importante proceso de expansión e enriquecemento desde comezos do século XVI. En concreto, un dos seus membros, Pedro González, instituíu a comezos do século XVII unha capelanía baixo a advocación da Virxe do Rosario nunha das capelas da igrexa. Establecía a existencia de tres capeláns encargados de rezar unha misa diaria a perpetuidade. Ademais, debían axudar ao reitor da igrexa a cantar a misa maior os domingos e festivos principais. Pode que, froito desta antiga tradición e dos ricos benfeitores que a igrexa tivo, sexa muda testemuña o órgano que aínda se atopa no coro alto. Polas súas características, semella datar de fins do século XIX e é un dos únicos órganos históricos galegos situado nunha parroquia do rural.


2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos