Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, Parada de Sil (Ourense)

Domingo 8 de setembro, 12.00 h

Obradoiro de achegamento á música antiga
(Coñece o teu patrimonio. Ás 15.00 h, visita guiada polo conxunto do mosteiro)

 

En pleno corazón dos canóns do Sil, e nun emprazamento impresionante, o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil é unha das alfaias da Ribeira Sacra. Da súa remota e accidentada localización dá boa mostra o feito de que, xa ben entrado o século XXI, o lugar aínda non ten conexión á rede eléctrica. E así leva dende a súa fundación, que probablemente haxa que situala no contexto dos abundantes asentamentos cenobíticos que se estableceron nesta zona de Galicia nos inicios da Idade Media. Os primeiros datos certos sobre o mosteiro son do século X, acadando o seu maior esplendor nos séculos XII e XIII, que é a época da que datan a maior parte das edificacións que hoxe se conservan: nun dos muros consérvase unha epígrafe datado no ano 1192. Por esas datas, a mediados do século XII, pasa á orde bieita. Con posterioridade, o mosteiro sufrirá certas dificultades económicas, sendo anexionado finalmente como priorado ao de Santo Estevo de Ribas de Sil a comezos do século XVI. Coa desamortización de 1835 foi abandonado, usándose as súas estancias como cortes e palleiros e mesmo a sancristía como sequeiro para as castañas. 

Da igrexa destaca, en primeiro lugar, a súa planta en cruz latina con tres ábsidas semicirculares na cabeceira, así como a torre rectangular pegada ao muro norte. As proporcións da nave son tamén pouco frecuentes, con moita altura dada a súa relativa estreiteza. O estilo foi evolucionando, probablemente a medida que se construía a igrexa: as ábsidas son románicas, mentres que os arcos da nave son apuntados, anunciando xa o estilo gótico. Fóra chama a atención o rosetón e, sobre todo, a porta que hai á esquerda, que daba entrada ao mosteiro. Cun interesante arco lobulado, ten unha decoración moi rica, con follas e diversas figuras, mesmo no intradorso deses arcos, onde hai un tetramorfos (é dicir, a representación simbólica dos catro evanxelistas). Esta obra é atribuída a algún dos colaboradores principais do mestre da porta sur da Catedral de Ourense. Os capiteis do cruceiro e das xanelas, e os canzorros das ábsidas están tamén decorados con figuras humanas e de animais, algunhas delas de aparencia grotesca. Por último, hai que sinalar que restan algunhas pinturas ao fresco na ábsida central e tamén no que foi a sancristía, do século XVI. Nese século foi tamén reconstruído o claustro.

A documentación restante do mosteiro é escasa, o que fai complexo reconstruír os pormenores da vida monástica. Porén, semella que foi un dos máis importantes da Ribeira Sacra: recibiu protección real e papal e tiña un importante couto xurisdicional. Non podemos rematar sen sinalar que, nun documento de 1457, hai unha interesante referencia musical: fálase da existencia duns orgoos que estan descobertos. É dicir, da existencia na igrexa dun órgano ao que lle debía faltar parte da caixa ou, tal vez, as portas que o pechaban. Vagando en silencio polas naves, o claustro e o seu entorno natural, non é difícil imaxinar o son daquel instrumento.

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos