Santa María de San Lourenzo de Penamaior, Becerreá (Lugo)

Domingo 6 de outubro, 19.00 h

Capella de Menestrers
CLAUSURA
(Coñece o teu patrimonio. Ás 12.00 h, O Convento: historia e lendas para un lugar enigmático )

 

Situado nas abas da Serra do Pico, nos contrafortes dos Ancares, este antigo mosteiro cisterciense foi un importante centro relixioso, debido á veneración que suscitou a presenza nel dun lignum crucis e da Virxe das Abarcas, o que fixo que moitos peregrinos  a Santiago se desviasen até alí en Triacastela. Puidera ser tamén que o cenobio fora fundado coa finalidade de atender os peregrinos que ían cara a Compostela xa que, polo lugar, pasaba unha derivación do Camiño de Santiago, documentada esta polo monxe alsaciano Hermann Künig von Vach na súa guía de 1495. Nesa obra, dirixida principalmente a peregrinos alemáns, recomendáballes utilizar esta variante durante o inverno, para evitar así as fortes nevaradas que afectaban o Camiño Francés. Discútese acerca de se o mosteiro existía xa no século X, aínda que sería no século XII cando sufriría importantes transformacións, pasando a depender do mosteiro de Carracedo, no Bierzo. Adscrito ao Císter no 1225, acada a categoría de abadía e, en 1506, únese á congregación de Galicia, Castela e León, a consecuencia da reforma dos Reis Católicos. Os poucos monxes que alí quedaron serían exclaustrados definitivamente en 1835 e as propiedades pasarían a mans particulares, mesmo as antigas dependencias monacais, converténdose a igrexa en parroquial. 

A planta da igrexa é basilical, de tres naves que rematan en ábsidas, a central con pechamento poligonal, aínda que semicircular no interior, e as laterais con forma semicircular. A capela maior está ocupada por un retablo barroco que se chegou a relacionar co obradoiro de Fernando de Casas. No exterior destaca, no muro norte, a presenza dun óculo que, orixinariamente, debeu de estar na fachada principal até as reformas de 1692. Na fachada consérvase a portada con dobre arquivolta semicircular e un tímpano, no que se representa un círculo cunha cruz na que consta a data de 1177, que se toma como data de construción do templo, ademais dun xinete con lanza e escudo, un león, unha árbore con paxaros e un cabalo sen xinete. Nesta enigmática representación quíxose ver un vínculo co ciclo artúrico e a historia de Yvain, o cabaleiro do León. Enriba da porta, unha fornela coa data de 1692 acolle unha imaxe da Inmaculada, que sobe até ocupar o espazo da xanela que se atopa no segundo corpo, o que fai supoñer que era ese o espazo que ocupaba o óculo da fachada norte. Outras dúas xanelas sitúanse en cada unha das rúas laterais, cada unha de diferente feitura, rematando a fachada nunha espadana que fai de campanario. Na parte sur da igrexa atópanse acaroados os restos dun claustro e do que foron as dependencias monacais, dos que se conservan algunhas pilastras. Na actualidade, esas dependencias, practicamente en ruínas, atópanse en mans privadas, destinadas a explotacións agropecuarias.

 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos